09:51 h. miércoles, 24 de abril de 2024

Pergúntome se teño que convencervos a vós de que votedes Nós, Candidatura Galega.

X. Manuel Suárez García  |  11 de diciembre de 2015 (20:58 h.)
0197096001179996788-partido-galeguista

Quero facervos lembrar por qué estamos eiquí.

O Partido Galeguista tén fondas raigañas en Ourense, dende Alexandre Bóveda a Martínez Risco, e cito tencioadamente a dous persoeiros de posicionamentos políticos ben diferentes, porque así é o Partido Galeguista: respetamos a diferenza e recoñecemos o núcleo de prioridades que compartimos.

Hoxe coincidimos análogamente nunha coalición que incrúe persoas, pero tamén partidos diferentes con diferentes postulados, dende o P. Galeguista ó BNG, dende a FOG a Coalición Galega e PCPG e coletivos da sociedade civil. Temos, non teñades dúbida, diferentes propostas, diferentes lingoaxes, diferentes palabras. Pero eiquí estamos xuntos pola terra, polo pobo, pola nación; cumprimos as palabras de Celso Emilio, cando di:

“Anque as nosas palabras sexan distintas, 

en tendo semellantes as feridas, 

como un irmán che falo”.

E nós, os nacionalistas galegos temos semellantes as feridas.

Por tanto, a ti, que tés palabras distintas ás miñas, pero se sofres a mesma ferida do abandoo da nación, como un irmán che falo.

A ti, que sofres a ferida do atraso económico, fáloche como un irmán.

A ti, que sofres a ferida do paro nas familias, fáloche como un irmán.

A ti, que sufriches a ferida de ver marchar á emigración ós teus pais e hoxe ves marchar ós teus fillos, fáloche como un irmán.

A ti, que sofres a ferida de ver a renuncia incomprensible de tantos compatriotas ao orgulo propio, ao orgulo de ser parte da nación galega, fáloche como un irmán.

Porque somos distintos, pero como irmáns temos que erguer esta nación, como irmáns temos que defender o noso agro, a nosa gandeiría, a nosa pesca, as nosas empresas, os nosos comercios, os nosos postos de traballo, a nosa paisaxe, os nosos dereitos nacionais, a nosa identidade irrenunciable, e abrir novos camiños que traian de volta ós nosos fillos e darlles un país do que se sintan orgulosos.

Como irmáns temos que recuperar prá nación os nosos recursos, o noso financiamento, a nosa representación en Madrí, o noso peso en Europa, o noso lugar no mundo, un mundo no que nos plantamos e dicimos: “Eiquí estamos e non percisamos ser outra cousa ca galegos”.

Como irmáns temos que restaurar o orgulo nacional, a terra e a liberdade, e recuperar así o antigo berro galeguista: ¡Galicia, terra e liberdade!

Hemeroteca