00:02 h. viernes, 19 de abril de 2024

NOVOS ACTORES NO SECTOR LÁCTEO

Xoán Antón Pérez Lema  |  07 de septiembre de 2015 (02:23 h.)

Os produtores puxeron na axenda galega e estatal unha problemática que ameaza a supervivencia dun sector que perde unha explotación gandeira galega por día desque no 1 de abril  se liberalizou a produción pola UE

 

No proceso de mobilizacións desenvolvido en Galicia este verán salientou unha nova organización, a Plataforma  na defensa do sector galego, que soubo achegar a moitos dos alcaldes dos concellos máis concernidos, ao  comercio, aos produtores e cooperativas, ás Asociacións de consumidores… O sector mobilizouse independentemente dos sindicatos agrarios, fortemente cuestionados na súa representatividade. Non por acaso Xóvenes Agricultores caeu por mór da súa liquidación controlada polo PP e os produtores rexeitaron maioritariamente a aposta de Unións Agrarias por controlar as mobilizacións. Emerxen, pois, novas formas de representatividade e achegamento á sociedade, conscientes de que só acadando a complicidade social poderá chegar a súa mensaxe.

Das resultas deste novo proceso , os produtores puxeron na axenda galega e estatal unha problemática que ameaza a supervivencia dun sector que perde unha explotación gandeira galega por día desque no 1 de abril  se liberalizou a produción pola UE. Así e todo, a nova Plataforma, protagonista das mobilizacións convocadas a semana que entra en Compostela, haberá superar tamén tensións como as amosadas en Lugo, onde a Xunta xogou  desmobilizar con promesas inconcretas.

O sector lácteo, como outros moitos fulcrais para a economía galega, precisa de canles axeitadas para facerse ouvir, non só a respecto dos Gobernos, senón dos consumidores, que son antes ca nada cidadáns. O tempo dirá se estas novas formas e estruturas saberán dar a resposta que non souberon ou non quixeron dar algúns dos vellos actores do sector lácteo.

 

A ARRINCADEIRA: MENOS SEGURIDADE XURÍDICA, MENOS LIBERDADE

No balbordo destes días aprobouse inadvertida a reforma da Lei de Axuizamento Criminal, que fixou o máximo da detención incomunicada ordinaria en cinco días, no canto dos tres até agora lexislados. Un despropósito que limita substancialmente as garantías e que  acrecenta as restricións das liberdades das últimas reformas lexislativas do PP. 

Hemeroteca