14:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Miña (pobre) terra galega

Dulce Corcu @DulceCorcu  |  23 de julio de 2015 (02:24 h.)

O vindeiro 25 de xullo, coma cada ano, os galegos celebramos o noso día, ese en que o azar ou a longa estirpe de devanceiros fixo que nacésemos en Galicia e vaiamos vivir unha nova homenaxe a nosa común Patria Galega

 

Nesta ocasión a data vén marcada por acontecementos que nunca antes se tiñan producido. Acostumados xa a coexistencia das manifestacións patrióticas cos actos institucionais e relixiosos do Apóstolo, afeitos a un Obradoiro ateigado de traxes de domingo para honrar ao patrón e aos reises, vidos da lonxana vila e corte para deixarse reverenciar polo populacho e pola Corporación Municipal de turno. Pero as recentes elecións do 24 de maio moveron algunhas sillas e, sobor de  todo, removeron algunhas conciencias. Por primeira vez goberna un partido dos que antes, en tal día, tamén honraba aos seus símbolos pero na veciña Praza da Quintana e con atuendo dese chamado cómodo. O alcalde Martiño Noriega, nos seus inicios de mandato xa fixo saber que non ía mudar de costumes e que agardaba comprensión da parella de cabezas coroadas para ser dispensado de render tributo a Santiago y cierra España.  Non sei que se cocerá debaixo do seu chapeu, porque polo de agora aínda non confirmou como non traizoar os seus principios e crenzas sin desatender ás obrigas que conleva o cargo. Como xa dicía Maquiavelo, a política non ten relación coa moral. Claro que diso sabe bastante máis o bando saínte do Pazo de Raxoi.

Polo que respecta ás movilizacións laicas e festivas, tinguidas de bandeiras e cartaces ilustrativos da significativa data e promovida principalmente por forzas nacionalistas, este ano volvéuse aséptica e pura, inodora para que a ninguén moleste o tufiño a perroflauta ou, peor: a independentista galego. Esa anomalía xenética ca que naceron poucos pero revirados fillos de Breogán. Os caprichos da Natureza tamén teñen o seu de inescrutables. Polo tanto, decidiuse unha nova modalidade de Día da Patria máis light, cun patriotismo controlado, que non se note nin se vexa nos xornais para que logo non haxa desaprensivos que nos comparen cos vascos ou, ¡válgame deus!, cos cataláns. Haberá manifestación, claro; pero ao contrario doutros anos non irá encabezada por políticos nin por unha pancarta reivindicativa. Non, todo se reducirá a unha pancarta de deseño que tanto pasaría por camiseta de fútbol como por un dos centos de manteis que se van extender esa mesma tarde nas improvisadas mesas do xantar na Carballeira de Santa Susana. Pero non todo é tampouco tan inocente. Na pancarta alumeará un visíbel e poderoso lema: A nación galega. Creo que Castelao, sententa e cinco anos despois de morto, non acreditaría ter avanzado tanto.

Na cabeceira da manifestación e detrás da susodita pancarta, xa descartados políticos, irán persoalidades galegas. Así, grosso modo. E detrás delas e antes do guirigai de bandeiras e xente significada cunha ou outra opción política, un espazo para a cidadanía. Como se mesturarse levase risco de contaxio ou ser cidadán non fose un concepto aplicable a quen ten inquedanzas políticas. Eu non creo tampouco que Maquiavelo pretendese levar a cousa a eses extremos. Pero todo sexa porque parezamos unha familia unida nunha voda; todo felicidade ata que chega a hora da barra libre e o alcol xa lle fai un efecto distinto a cada un e unha.

Non deixo de atopar paradóxico que despois de ter cantado e escoitado milleiros de veces ese hino que xa é para todos o Miña terra galega, por fin sei  ónde ubicar ós kafkianos do Jaján:

No Día da Patria 2015.

Hemeroteca