00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Lete Lasa subliña que o deporte xera 1 de cada 70 euros da economía europea

Stadio Sport  |  19 de septiembre de 2014 (03:00 h.)
leteou_03

Destaca o positivo impacto desta actividade nas economías rexionais, ao sumar un 2,98 % do valor engadido bruto total da Unión Europea

 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe o positivo impacto do deporte nas economías rexionais, sinalando que esta actividade “chega a sumar un 2,98 % do valor engadido bruto total da Unión Europea, é dicir, que de cada setenta euros xerados e gañados en Europa, un está relacionado co deporte”, o que supón unha proporción comparable coa da agricultura, a silvicultura e a pesca no seu conxunto.

Lete Lasa fixo estas declaracións na conferencia inaugural que impartiu no curso de extensión universitaria Sportinomics: Leccións de cine, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, no campus ourensán.

Na súa intervención, o secretario xeral para o Deporte repasou os fundamentos xurídicos polos que a Unión Europea adquiriu competencias en materia deportiva desde o Tratado de Lisboa de 2009, asegurando que desde entón ata a actualidade as institucións europeas fóronse concienciando gradualmente sobre a importancia do deporte en todas as súas facetas, formando parte da denominada Estratexia Europea 2020, dirixida a favorecer o crecemento intelixente, sustentable e integrador do espazo europeo.

Concretamente, aludiu ás Conclusións do Consello sobre a achega do deporte á economía da UE, en particular para abordar e desemprego xuvenil e a integración social, un documento publicado en febreiro e no que se destaca, entre outros puntos, que o deporte é un potente motor de crecemento e emprego, como o demostra ao contribuír con case un 3 por cento do valor engadido bruto total da economía europea. 

Así mesmo, manifestou que as autoridades europeas están a traballar en diversos aspectos da economía do deporte, entre elas o financiamento sustentable da actividade deportiva, co fin de fomentar unha inversión transparente e a longo prazo, incluído o financiamento da propia UE.

O secretario xeral asegurou que, ao igual que as institucións europeas queren aproveitar  todo o potencial do deporte para o crecemento económico, a Xunta de Galicia está a desenvolver a súa política deportiva coa mesma motivación, polo que en próximas datas presentará o Plan estratéxico da vertente económica do Deporte, encargado á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo. O obxectivo é sentar as claves de acción máis inmediatas e as futuras, establecendo un marco que asegure a sustentabilidade e a xeración de riqueza económica e social.

Por último, en relación cos estudos e as recomendacións que se fan desde as diversas administracións públicas, remarcou que “nos enfrontamos ao reto de plasmar todo isto en actuacións concretas, en medidas de fomento reais, chegando ás entidades deportivas e aos empresarios, e xerando un contorno máis favorable ao crecemento socioeconómico a través dunha das máis destacadas manifestacións socias como é o deporte”.  

 

Sportinomics: Leccións de cine

O curso de extensión universitaria Sportinomics: Leccións de cine celébrase desde hoxe ata o día 3 de outubro no campus ourensán da Universidade de Vigo, baixo a organización da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Nel se abordarán os diferentes aspectos económicos, empresariais e sociais do deporte a través do visionado de películas, así como de conferencias e mesas redondas nas que participarán expertos sobre a Economía do Deporte e sobre a achega do cine á promoción deste aspecto da realidade deportiva.

Hemeroteca