00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Inés Santiago, segunda na Copa de Europa de Tríatlon júnior de Melilla

Stadio Sport  |  20 de abril de 2015 (22:47 h.)
IMG-20150419-WA0001

A galega Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) logrou a medalla de prata na Copa de Europa júnior de Triatlón de Melilla nunha gran actuación. Pola súa banda, Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) acadou a oitava posición na proba masculina

 

A primeira das probas en celebrarse foi a feminina, con Inés coma protagonista. E dende o inicio houbo complicacións. Un error das piraguas que dirixían a primeiro grupo, no que se atopaba a nosa deportista, levounas a facer 100 metros de máis e perder esa situación de privilexio. Así, Meritxell Velasco foi a primeira en saír da auga. Pero Inés, que estivo moi sólida durante toda a proba, remontou na bicicleta logrando poñerse na terceira posición xa aos 600 metros e mantense perfectamente situada no grupo ata a T2. E todo se decidiu na carreira a pe. Inés ía con Cecilia Santamaría en cabeza, ata que Cecilia cambia de ritmo e a triatleta de Ferrol non puido seguila e chegou na segunda posición con 17 segundos de desvantaxe. 

A primeira posición foi para Cecilia Santamaría (01:07:20), segunda Inés Santiago (01:07:37) e terceira Meritxell Velasco (01:07:49). Con estes resultados, Cecilia logrou a clasificación para o Europeo júnior (competición para a que xa está clasificada Carmen Gómez) e Inés terá que esperar a ver se finalmente hai unha terceira praza para España. 

Na categoría masculina, Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) estivo sempre no grupo de cabeza. O galego saíu da auga na oitava posición, mentres que Alberto González (deportista do Arcade Inforhouse, aínda que sen licenza galega) finalizou o primeiro segmento na segunda posición, atacou na bicicleta e rompeu a carreira cunha escapada. Por detrás, un grupo de oito deportistas, no que estaba Castiñeira xunto a Ignacio González e Plácido Venegas. Trala segunda transición, os dous irmáns González atacan e rompen o grupo que se formara na bicicleta. Desta forma, a vitoria quedou entre os dous González, con triunfo final para Ignacio (58:23), mentres que segundo foi Alberto González (58:29) e terceiro o italiano Franco Pesavento (58:42). Mentres, Castiñeira loitaba co belga Romain Loop pola sétima posición, aínda que finalmente foi oitavo cun tempo de 59:39. 

Nesta carreira tamén participaba o galego Andrés Cendán (Tríatlon Compostela) que non tivo o seu día. Sufriu unha picada na bicicleta e despois non se atopou cómodo na carreira a pe. Rematou na 25ª posición cun tempo final de 01:02:26. As distancias nesta proba foron  de 750 metros no sector de natación, 20 quilómetros en bicicleta e 5 de carreira a pe.

Hemeroteca