00:01 h. sábado, 20 de abril de 2024

O III Circuito Provincial de Carreiras Populares arranca este venres en Frades e suma xa 25 probas

Stadio Sport  |  30 de abril de 2015 (18:19 h.)

Incorpora sete novas probas respecto ao ano pasado e 15 máis que na súa edición inaugural, xa que naceu con 10 carreiras. A competición remata un ano máis coa proba máis lonxeva da provincia, a XXXVI Carreira Popular de Negreira, que terá lugar o día 8 de novembro

 

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou este xoves a terceira edición do Circuito Provincial de Carreiras Populares, unha competición que non deixou de crecer dende que naceu no 2013 e que este ano alcanza as 25 probas.   

“O que comezou coma un proxecto piloto, con dez carreiras, é hoxe unha cita imprescindible do calendario dos atletas”, sinalou Calvo, que estivo acompañado no acto desta mañá pola vicepresidenta, Mariel Padín, e polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, que asegurou que o circuíto posto en marcha pola Deputación da Coruña “é xa un dos máis numerosos da xeografía estatal polo número de probas que integra”.

As competicións arrancan mañá coa disputa da II Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, continuarán este mesmo domingo coa proba de O Pino e, como xa sucedeu en edicións anteriores, rematará coa competición máis antiga da provincia, a Carreira Popular de Negreira, que cumpre este ano a súa 36 edición. Coma nova incorporación está a I Carreira Terras de Iria, organizada polos concellos de Rois e Dodro.

Poden participar dende nenos de 8 anos ata persoas de máis de 60 xa que hai ata dez categorías de idade. Os interesados en apuntarse poden facelo a través da páxina web da Federación Galega de Atletismo (www.atletismogalego.org) ou do organizar de cada carreira.

O seu presidente, Isidoro Hornillos, agradeceu durante a súa intervención a “aposta” da Deputación por este deporte, un apoio que, sinalou, “contribúe a consolidar hábitos de vida saudables”.

A institución provincial destinará 35.400 euros a este programa, 27.450 euros destinados a contratar a coordinación e o control técnico da actividade e 7.950 para o pago dos premios, que se entregarán nunha gala final ao rematar o ano.

Para poder optar aos galardóns é necesario ter participado como mínimo en 10 das 25 carreiras. Ademais dunha clasificación individual tamén haberá outra por clubs, que sumarán puntos con cada socio que remate a proba. 

Hemeroteca