00:03 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O HockeyGlobal CP Cerceda encara a Copa do Rei con ambición

Stadio Sport  |  24 de febrero de 2015 (23:00 h.)
65.2015.Previo_CopaRey_HGCPCerceda

A costeira e turística Blanes, primeira localidade da Costa Brava na provincia de Girona, acolle dende este xoves 26 de febreiro e ata o domingo 1 de marzo a 72ª edición da Copa do Rei de hóckey a patíns, para a cal se clasificou o HockeyGlobal CP Cerceda por segundo ano consecutivo

 

Ao contrario que en 2014, cando houbo que agardar á segunda xornada de cuartos de final para o debut do equipo dirixido por Juan Copa, con derrota pola mínima e tendo mesmo a oportunidade de empatar nos segundos finais ante o CP Vic, nesta ocasión os dous equipos galegos presentes nesta serán os encargados de inaugurar a competición o xoves ás 18:30 horas.

Xa coa experiencia do ano pasado, a participación nunha Copa do Rei para calquera equipo de nivel medio supón un éxito anticipado, polo que a un partido todo é posible, motivo polo cal os de Juan Copa sairán o xoves á pista do pavillón da Ciutat Esportiva de Blanes con toda a ilusión por pasar a semifinais, a pesar da dificultade que leva consigo enfrontarse a un conxunto nun excelente estado de forma como é oHC Liceo. Ambos os dous equipos coñécense ben e de feito os de Carlos Gil son os únicos que derrotaron aos de Cerceda na súa pista esta tempada. Non obstante, os cercedenses tamén atravesan un magnífico momento de forma corroborado con esa quinta posición na OK Liga, polo que teremos un encontro para gozar e recordar, xa que ademais será o primeiro derby galego na historia da competición, segundo nos apunta o xornalista Lois Novo.

O partido poderase seguir en directo pola páxina web da TVG na ligazón www.crtvg.es/deportes, sendo posteriormente emitido en diferido (01:35 horas) na noite do xoves ao venres pola TVG2. Tamén podedes consultar as plantillas dos oito equipos que participan en www.fep.es/coparey/website/equipos.asp. Ademais, recordámosvos os horarios e retransmisións de televisión de todos os partidos:

 

 

CUARTOS DE FINAL - Xoves 26 de febreiro

18:30 | HC Liceo – HockeyGlobal CP CERCEDA (FEP-TV, TVG2, La Xarxa e Esport3.cat)

21:00 | CP Vic – Moritz CE Vendrell (FEP-TV, Esport3 e La Xarxa)

 

CUARTOS DE FINAL - Venres 27 de febreiro

18:30 | FC Barcelona – Enrile PAS Alcoy (FEP-TV, Esport3 e La Xarxa)

21:00 | Reus Deportiu – CP Voltregà (FEP-TV, La Xarxa e Esport3.cat)

 

SEMIFINAIS - Sábado 28 de febreiro

19:30 | Gañadores dos partidos do xoves (FEP-TV, La Xarxa, TVG2 e Esport3.cat)

21:45 | Gañadores dos partidos do venres (FEP-TV, Esport3 e La Xarxa)

 

FINAL - Domingo 1 de marzo

15:00 | Gañadores das semifinais (FEP-TV, Esport3, Teledeporte, La Xarxa e TVG2)

Hemeroteca