15:55 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O Grupo Popular afirma que “fraco favor se lle fai a Castelao pretendendo que un símbolo como él sexa recoñecido por lei”

Stadio Sport  |  29 de septiembre de 2015 (16:49 h.)

Baamonde cuestionou “por que outros persoeiros non merecen a mesma consideración” e apuntou que “se Castelao forma parte da historia de Galicia será porque a sociedade incorporou os valores que representa”

 

O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, afirmou este martes que “fraco favor se lle fai a Castelao pretendendo que un símbolo como el sexa recoñecido por unha lei”, porque o único que suporía será “romper o sentimento de respecto e agradecemento que a súa obra representa para todos os galegos”.

Baamonde sinalou que un símbolo de Galicia como Castelao “debe nacer do respecto e nunca da imposición” a través dunha lei. “Se Castelao é símbolo de Galicia debe ser un símbolo de unión, sen adscrición nin diferenzas ideolóxicas”, manifestou.

 

PRETENDER INFLUÍR NA HISTORIA POR LEI

Deste xeito, sinalou que “non é correcta a idea de pretender difundir o pensamento e a obra de ninguén a través dunha lei, porque podería conlevar connotacións indesexadas e podería xerar problemas de xerarquía”. “Por que outros persoeiros non merecen a mesma consideración”, cuestionou o portavoz popular, para incidir en que “pretender difundir por lei o pensamento de ninguén é incorrer no erro de pretender influír na historia”.

“Ninguén entra nin sae na historia por unha lei, porque na historia soamente teñen cabida aquelas persoas e feitos que polo seu impacto na conciencia colectiva forman a memoria dun pobo e transcenden a persoa”, apuntou. Ademais, dixo que “se Castelao forma parte da historia de Galicia será porque a sociedade incorporou os valores que representa”.

Baamonde asegurou que “se Castelao está na historia non será porque unha lei o diga, senón porque deixa unha fonda pegada indubidable ao seu paso, e porque os seus valores de dignidade e aportación á identidade da terra están na memoria colectiva de Galicia”.

 

COÑECEMENTO E DIFUSIÓN DA OBRA

Respecto do texto da iniciativa lexislativa popular, o portavoz popular negou que a obra de Castelao estea nun proceso de ocultación planificado, no que participan institucións e medios de comunicación públicos e privados. “No Partido Popular non existe ningún propósito nin desexo de ocultación da obra de Castelao, nin de desprezo, nin de censura, porque, por enriba de adscricións ou afinidade ideolóxicas, somos quen de valorar a aportación e o traballo de persoas como Castelao na historia e a cultura galegas”, afirmou.

O portavoz popular fixo referencia ás múltiples iniciativas existentes para a defensa e difusión da obra de Castelao, como a Fundación que leva o seu nome ou o museo de Pontevedra no que está depositada unha parte importante da súa obra por desexo do propio Castelao. Respecto do cadro A derradeira lección do mestre, depositado no Centro de Galicia de Bos Aires, Agustín Baamonde que “só unha situación de emerxencia xustificaría sacalo nun entorno que tanto representou na vida e obra de Castelao”.

“Todas son de acceso público e están a disposición daquelas persoas que o queiran estudar ou coñecer”, polo que “se iso significa que existe unha conspiración de silencio, ou está moi mal feita ou é un fracaso absoluto”, sinalou Baamonde.

Ademais, Agustín Baamonde lembrou que Castelao xa está presente no currículo do sistema educativo galego e respecto da dixitación da súa obra indicou que “nada temos que opor, pero é preciso recordar que vivimos nun estado de Dereito e esa circunstancia podería estar en contra dos dereitos de autor”.

Hemeroteca