07:22 h. viernes, 19 de abril de 2024

Galicia estará representada nos campionatos de españa de duatlón por equipos e de relevos

Stadio Sport  |  27 de marzo de 2015 (17:03 h.)
Logo-Duatlon-CNT-RLV

Celebraranse esta fin de semana en Avilés

 

Esta fin de semana celebraranse en Avilés os campionatos de España de Duatlón por equipos e por relevos (tanto de adultos como en idade escolar). Galicia estará presente nunha modalidade novidosa, que celebrou hai un par de semanas a primeira edición do Campionato Galego. 

Campionato de España de Duatlón por equipos elite, open e escolar.  Celebrarase o sábado (a partir das 14:00 horas) e no mesmo participarán un total de 127 equipos masculinos e 35 femininos nas categorías elite e open. 

Na proba elite masculina hai un total de 75 equipos masculinos inscritos dos cales 6 son galegos (Tríatlon Arteixo, Arcade Inforhouse, Natación Riveira, Olímpico de Vedra, Tríatlon Compostela e Cidade de Lugo). Na categoría feminina competirán polo título de campión de España un total de 29 equipos dos cales tres son femininos (Arcade Inforhouse, Olímpico de Vedra e Cidade de Lugo). Ademais, tamén se celebrará a proba Open coa participación de 52 equipos masculinos e 6 femininos.

Esta proba disputarase sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe). Cada equipo pode estar formado por entre 4 e 6 integrantes, que terán unha saída individualizada por club e o tempo queda marcado polo cuarto integrante que chega á meta. 

Ademais, tamén se celebrará o Campionato de España de Duatlón por equipos escolar, con distancias máis curtas (2,5 quilómetros carreira – 10 quilómetros de bicicleta – 1,25 de carreira a pe). Na categoría masculina participan 27 equipos dos cales seis son galegos (Tríatlon Ferrol A e B, Olímpico de Vedra, Cidade de Lugo, Arcade Inforhouse e Tríatlon Compostela), mentres que na categoría feminina hai 13 equipos inscritos e só un galego (Arcade). 

Campionato de España de Duatlón por relevos. Esta modalidade é de recente creación (estreouse o pasado ano en Noia) pero resulta moi atractiva para o público. Terá lugar o domingo 29 de marzo a partir das 9:00 horas e tamén se celebrará en elite, open e escolar. Neste torneo os equipos están formados por tres deportistas e cada un deles realizará un pequeno duatlón (2 quilómetros de carreira a pe, 10 quilómetros de bicicleta e 1 de carreira a pe). 

En elite masculino participarán un total de 54 equipos entre os que destacan cinco galegos (Arcade, Cidade de Lugo, Tríatlon Compostela, Olímpico de Vedra e Natación Riveira), mentres que na feminina participarán 34 equipos e catro deles son galegos (Arcade Inforhouse, Cidade de Lugo, Olímpico de Vedra e Tríatlon Ferrol).

No escolar por relevos masculino participarán 31 equipos e con importante representación galega (Arcade Inforhouse, Tríatlon Ferrol, Olímpico de Vedra, Tríatlon Compostela e Cidade de Lugo, algúns de eles con máis dun equipo). Na categoría feminina hai 19 equipos e só un galego (Arcade). 

No Campionato de España escolar por relevos do 2014 houbo medallas galegas: Tríatlon Ferrol foi ouro e Arcade Inforhouse, prata na categoría feminina, mentres que na masculina o Tríatlon Compostela logrou o bronce. Na categoría absoluta non houbo preseas para os clubs galegos.

Hemeroteca