00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

FEIJÓO E OS LUMES

Xoán Antón Pérez Lema  |  17 de agosto de 2015 (15:42 h.)

Falando dos lumes forestais un xa non sabe se os responsábeis políticos da Xunta non se enteran ou insultan  á nosa intelixencia

 

Hai días, boa parte do noso País sofría os tres trintas: temperaturas de máis de 30 graos, ventos de máis de 30 km/h e unha humidade relativa inferior ao 30%. Producíronse, pois, un alto número de incendios que queimaron milleiros de hectáreas. E como reaccionaron os  nosos gobernantes? O Presidente Feijóo laiándose da benignidade das normas penais cos delincuentes incendiarios. E Tomás Fernández Couto, que leva dirixindo a Administración forestal de Galicia vinte anos (quitando de setembro 2005 a abruil do 2009) botándolle ás culpas aos concellos e aos cidadáns que non limpan as súas fincas.

O abandono de grandes áreas do medio rural e, xa que logo, o dominio do mato e máis a despoboación do noso campo fornecen do combustíbel preciso ao labor dos incendiarios. Cunha tal cantidade de mato e coas condicións ambientais chamadas dos tres trintas os lumes son seguros e tamèn é moi probábel a súa capacidade de facer dano. Por outra banda, sabemos dende hai  anos, polo macroestudo coordinado polo anterior Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que máis do 90% dos lumes na Galicia son intencionados, malia que non existan tramas criminais no monte galego e si unha chea de pequenos individuais  que percuran coas súas accións cativas avantaxes persoais ou que actúan polo seu illamento social (moitos son persoas pouco relacionadas coa contorna e de moi baixo nível cultural e intelectual.

Sabe ben a Xunta de Galicia que o problema dos lumes non se mellora co Código Penal, senón con prevención, independentemente de que haxa que manter un sistema acaído de extinción. Pero resulta que os instrumentos de prevención despregados polo conselleiro nacionalista Suárez Canal despois da vaga do 2006 (Unidades de Xestión Forestal, empresa pública SEAGA) foron suprimidos e os servizos de extinción  recurtados e parcialmente privatizados.  

Despois da inacción destes seis anos de Goberno Feijóo está a pasar o lóxico.

Hemeroteca