Imprimir

Feijóo anuncia a aprobación do plan director do Camiño de Santiago, unha folla de ruta orientada a "sacar o máximo partido ao fenómeno Xacobeo nos próximos anos"

Stadio Sport | 24 de septiembre de 2015

Sitúa como principal reto o de conxugar o previsible crecemento do Camiño co mantemento da súa identidade

 

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta mañá a aprobación do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021, “un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico de Galicia”, segundo salientou. Con este plan avánzase no proceso de ordenación, regulación e posta en valor dun dos maiores símbolos de Galicia, as rutas xacobeas, tendo sempre como horizonte o Ano Santo 2021.

“Será a folla de ruta que englobe e ordene todas as accións concretas para sacar o máximo partido ao fenómeno xacobeo nos próximos anos”, indicou Feijóo. O principal reto ao que ten que responder é o de conxugar o seu previsible crecemento co mantemento da súa identidade, para o que o Plan Director formula tres obxectivos: protexer e preservar o Camiño, facer que a peregrinación sexa unha experiencia de calidade e adaptada ao peregrino do século XXI e fomentar a cohesión social e o equilibrio territorial.

Para a elaboración deste documento que aprobou hoxe o Consello da Xunta contouse coas achegas do sector. Concretamente, concertáronse entrevistas con 170 organizacións e 220 persoas, representantes de Administracións Públicas, de asociacións de Amigos do Camiño, da Igrexa, turoperadores, hostaleiros e grupos de investigación sobre a cultura xacobea, entre outros.

Oito liñas estratéxicas

Tal e como explicou o presidente, o Plan Director establece oito liñas estratéxicas con cadansúas medidas prioritarias:

  • Coordinar e organizar todas as Administracións e colectivos implicados, intensificando a cooperación e fortalecendo a colaboración con axentes como a Igrexa ou as Asociacións de Amigos do Camiño.
  • Preservar e potenciar o patrimonio do Camiño, facendo especial fincapé en impulsar a delimitación das diferentes rutas e os mecanismos de protección e posta en valor do patrimonio.
  • Conservar e manter o Camiño, facéndoo accesible ás persoas con discapacidades.
  • Evolucionar cara a un Camiño medioambientalmente sostible.
  • Fortalecer Santiago de Compostela como meta do camiño, con medidas como o Centro de Acollida ao Peregrino que a Xunta está a impulsar.
  • Potenciar os diferentes Camiños de Santiago, os seus valores e singularidades, especialmente tralo nomeamento como Patrimonio da Humanidade dos Camiños Primitivo e do Norte.
  • Garantir a calidade e a especialización na atención ao peregrino, mellorando os albergues e centros de interpretación do Camiño á par que se potencian os servizos de seguridade e emerxencias.
  • Fomentar a investigación, a comunicación e a divulgación do Camiño e a cultura xacobea, ademais de dar un pulo ao Smart Camiño.

Ademais, o Plan Director deseña unha etapa modelo de 21 quilómetros, que reflicte como se visualiza o Camiño de cara ao Ano Santo. Así, por exemplo, nesta etapa os albergues contarían coa Q de Calidade e rede de wifi nos establecementos públicos, ademais de persoal cualificado que acade a excelencia no trato ao peregrino e dos que o 80%, alomenos, fale inglés.

Os esforzos son rendibles”

Feijóo indicou que se contempla un investimento de máis de 56 millóns de euros para poñer en marcha todas estas medidas, uns 23 euros por peregrino. “A relación entre o investimento e as previsións de ingreso amosan que os esforzos do Plan Director son rendibles”, afirmou, pois se estima que o ingreso pode ser de 44 euros por peregrino ao día. Contando que cada peregrino pasa, de media, seis días en Galicia, en total cada un gastaría na nosa comunidade 240 euros.

En definitiva, o xefe do Executivo galego dixo que o Plan Director busca consolidar o crecemento sostible das Rutas Xacobeas, que no que vai de ano levaron a Santiago a preto de 220.000 persoas, o que supón un incremento de máis do 10%. “Estamos ante un dos principais elementos da Marca Galicia e ante unha grande oportunidade económica para toda a comunidade”, concluíu.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección http://stadiosport.opennemas.com/articulo/galicia/feijoo-anuncia-aprobacion-do-plan-director-do-camino-santiago-folla-ruta-orientada-sacar-maximo-partido-ao-fenomeno-xacobeo-nos-proximos-anos/20150924184113044166.html

Stadio Sport
© 2019 Stadio Sport

Stadio Sport 

Diario Digital de Opinión Independiente

dirección@stadiosport.es  

redaccion@stadiosport.es

publicidad@stadiosport.es


     
Desarrollado por Openhost con:      
OpenNeMaS CMS OpenHost S.L. Opennemas CMS