00:06 h. viernes, 19 de abril de 2024

Feijóo agarda que a reunión en Galicia dos embaixadores da Liga Árabe sirva para reforzar lazos

Stadio Sport  |  02 de octubre de 2015 (02:10 h.)

Afirma ante os representantes diplomáticos que Galicia é unha potencia a nivel europeo en gandería, pesca e marisqueo e que a súa industria agroalimentaria é sinónimo de calidade. Pon en valor que o crecemento das exportacións durante a crise e indica que entre xaneiro e xullo deste ano Galicia xa leva exportado un 2% máis que en 2013, polo que xa superou a súa plusmarca histórica

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agarda que a cita histórica que reúne en Galicia aos embaixadores da Liga Árabe sirva para que a Comunidade siga tendendo lazos con estes países. “Aquí gústanos tender pontes e queremos estar preto dos distintos pobos do mundo”, afirmou, recordando a intensa presenza dos galegos en América e en Europa.

Así o expresou o titular do Goberno galego este xoves, no acto de recepción aos embaixadores da Liga Árabe en España con motivo da súa visita a Galicia, ao que acudiu acompañado polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.

Na recepción, o titular do Goberno galego referiuse tamén á economía galega e apuntou que a Comunidade é unha potencia a nivel español e europeo en gandería, pesca e marisqueo e que a súa industria agroalimentaria destaca pola calidade dos seus produtos. Mañá está previsto que os embaixadores visiten a sé da empresa ourensana Coren, para coñecer máis de cerca un representante do sector.

Así mesmo, Feijóo puxo en valor que, durante a recesión, a economía galega foi capaz de abrirse ao mundo e atopar nas exportacións un alivio ás rixideces do mercado nacional. Con respecto a isto, apuntou que o 2013 foi un ano récord para as exportacións galegas e que entre xaneiro e xullo deste ano Galicia xa leva exportado un 2% máis que en 2013, polo que xa se superou esa marca histórica. “Á nosa terra gustaríalle ampliar as súas fronteiras económicas e incluír aos países da Liga Árabe”, afirmou Feijóo.

Por último, Feijóo tamén expresou o seu desexo de afondar nos vínculos culturais cos países árabes e de que as Universidades galegas, das que destacou a súa calidade docente e o baixo prezo das súas taxas, reciban máis estudantes procedentes deles.

Hemeroteca