00:01 h. jueves, 25 de abril de 2024

Equipos veteranos de rugby de Irlanda, Cataluña e Galiza disputarán o 22 de agosto en cervo o I Memorial José Domínguez Fernández ‘Tolón’

Stadio Sport  |  20 de mayo de 2015 (01:36 h.)

Antonio Veiga destacou que “Tolón era unha persoa totalmente entregada ao deporte lucense” e dixo que “estaría moi ledo do momento importantísimo que está a vivir o Breogán, metido de cheo na loita polo ascenso á ACB”

 

O mundo do rugby renderá o vindeiro 22 de agosto unha homenaxe a José Domínguez Fernández, Tolón, coa celebración dun torneo triangular veterano que xuntará a equipos de Irlanda, Cataluña e Galiza. A comisión organizadora deste I Memorial Internacional de Rugby veterano, constituída na Deputación, está formada pola Vicepresidencia do organismo provincial, o Concello de Cervo, a asociación Airiños do Xunco e históricos do rugby lucense como Manuel Miranda, Xabier Ridríguez ou Suso de la Torre.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, destacou que “Tolón era unha persoa totalmente entregada ao deporte lucense” e dixo que “sería esta unha semana moi leda para Tolón porque estamos vivindo un momento importantísimo para o Breogán, metidos de cheo na loita polo ascenso á ACB”. Veiga destacou a importancia deste torneo, que definíu como “Torneo das Tres Nacións” e avanzou que “é un memorial que agardamos manter no tempo e que teña continuidade”.

Xabier Rodríguez, pola súa banda, explicou que o pasado 29 de marzo cumplíronse dous anos do falecemento de José Domínguez Fernández e lembrou que Tolón implicouse con todo o deporte lucense. “Foi directivo do Versalles de baloncesto e do Estudiantes e tamén da Unión Deportiva Lucense de Balonmán, pero onde de verdade puxo todo o seu empeño e traballo foi na fundación do Xabarín Rugby Club a finais dos 80”, lembrou.

Manuel Miranda, un dos pais do rugby lucense xunto a Tolón, explicou que o torneo triangular celebraráse o sábado 22 de agosto ás 18:00 horas no campo de fútbol de San Román, en Cervo, “a segunda casa de Tolón, onde viviu os últimos anos da súa vida, e onde foron esparcidas as súas cinzas, na praia de Rueta”. Disputarán o torneo o equipo irlandés Sea Point, a selección catalá de rugby e a selección galega veterana, formada nunha grande parte por compañeiros de Tolón no Xabarín Rugby Club.

A data escollida coincide coa Queimada de Cervo, “unha festa que Tolón disfrutaba e vivía con moita intensidade”, lembrou o concelleiro de Deportes de Cervo, Luís Antonio Guillén Menéndez. 

Hemeroteca