00:03 h. martes, 16 de abril de 2024

Épico triunfo de Gómez Noya en Yokohama nun espectacular sprint con Alistair Brownlee

Stadio Sport  |  17 de mayo de 2015 (03:14 h.)

Fernando Alarza, sempre no grupo dianteiro, chegou na oitava posición

 

Javier Gómez Noya logrou este sábado un espectacular triunfo na quinta proba das Series Mundiais disputada en Yokohama (Xapón) e da forma máis meritoria posible: Nun cara a cara con Alistair Brownlee, ao que superou nun impresionante sprint final. Primeira vitoria do ano para o galego, que necesitaba este primeiro posto para a clasificación do Mundial, e magnífica oitava posición para un moi regular Fernando Alarza. 

Javi amosou as súas intencións dende o inicio. Saíu na auga na segunda posición, seguido sempre moi de preto polo británico Alistair Brownlee, mentres que o grupo perseguidor estaba a uns 20 segundos.  

No sector ciclista houbo moito movemento e cambios na cabeza, ata que nas últimas voltas marchou en solitario o belga Marten Van Riel, que chegou a abrir unha boa brecha co resto. Pero unha caída pouco antes da T2 igualou as cousas e na saída da segunda transición, Gómez Noya xa estaba en cabeza, pero con Mario Mola, Vicente Hernández, Sven Riederer e Alistair Brownlee facendo sombra. A medida que ían caendo quilómetros, o quinteto ía perdendo unidades: Primeiro Riederer, despois Vicente Hernández e por último Mario Mola. Así, volvía a repetirse o duelo entre Gómez e Brownlee de Cidade do Cabo.   A última volta foi todo un espectáculo, con Alistair marcando un ritmo moi alto intentando deixar atrás a Javi, pero non houbo forma. O galego loitou

 coma un xabato e no sprint final foi a polo triunfo apertando os dentes. Alistair intentouno todo, pero ninguén podería hoxe coa forza do ferrolán que logrou unha vitoria épica e moi importante para a clasificación do mundial  (01:47:00). A segunda posición foi para Alistair Brownlee (01:47:02) e Mario Mola, terceiro (01:47:20).  

Tamén hai que destacar a oitava posición de Fernando Alarza (01:48:14), que segue a realizar unha tempada impresionante, cunha gran regularidade, sempre no top-ten.  

Trala disputa das cinco primeiras probas do Mundial, non houbo cambios nos primeiros postos da clasificación provisional: Javi Gómez Noya é primeiro agora con 3.507 puntos, mentres que segundo clasificado é Mario Mola (2.958) e terceiro, Fernando Alarza (2.785).  

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

Hemeroteca