00:02 h. viernes, 19 de abril de 2024

Dúas derrotas no peor momento

Stadio Sport  |  17 de marzo de 2015 (02:00 h.)
blusens_universidade_De_vigo_ordizia_berlande

O Universidade de Vigo de xadrez, case sen opcións para facerse co título

Cando todo pode saír mal, sae mal. Así se pode resumir a fin de semana para o deporte universitario vigués, que rematou con dúas derrotas que complican, e moito, as cousas aos equipos de rugby e de xadrez. O Blusens Universidade de Vigo caeu derrotado ante o Hermi El Salvador por 17 a 38. Non puido, deste xeito, iniciar a súa remontada para librarse de xogar os playoffs pola permanencia e evitar o descenso directo. Malia a diferenza do resultado o encontro foi moi igualado en canto a número de ocasións. A clave do partido estivo na defensa, xa que os vigueses non foron quen de romper a forte liña defensiva do Hermi El Salvador, liderada polos seus centrais que frustraron todas as ocasións do equipo vigués. Pola súa banda, o equipo pucelano si materializou as súas ocasións nas veces que chegaba ás 25 locais. A potente dianteira do Hermi El Salvador contraatacou con eficiencia, creando situacións de superioridade numérica e coa liña defensiva do Blusens desorganizada. 

A primeira parte rematou 0-19 malia os intentos do Blusens que, aínda que xogaba co vento en contra, estivo en máis dunha ocasión nas cinco visitantes a piques de obter un ensaio. Na segunda metade, xa co vento a favor, o equipo vigués logrou tres ensaios que o deixaba a un do bonus, un dos obxectivos do partido que estivo a punto de conseguir nos minutos finais. Os xogadores Uruburo,Maguna, Maka Tatafu e Javi Abadía deixaron moi boas sensacións para o equipo local, con actuacións salientables. Pola contra, Paul González e Mpho Mbiyozo puxeron a nota negativa ao rematar o encontro lesionados, sen que aínda se saiba o alcance destas lesións. 

Con esta derrota o Blusens sitúase na penúltima posición cando quedan por disputar catro xornadas de liga. Para evitar o descenso ou xogar os playoffs, o equipo vigués deberá enfrentarse e gañar fóra a tres rivais directos: Hernani, Pozuelo e Ampo Ordizia, mentres que na casa recibirá, nun partido complicado, ao terceiro clasificado, o Santboiana.

Primeira derrota do equipo de xadrez, que case se despide do título

Para o Universidade de Vigo de xadrez a desta fin de semana é a primeira derrota da tempada na Liga Galega. Pero deste encontro na novena rolda dependía boa parte da competición, e o 4-2 ante o InterRías Sanxenxo afasta case definitivamente aos universitarios do título de liga. E é que os do Salnés foron quen, por segundo ano consecutivo, de convertese no único equipo capaz de derrotar ao Universidade de Vigo. O encontro foi moi igualado e resolveuse nos últimos segundos, uns intres nos que os xogadores do InterRías Sanxenxo son moi perigosos. Catro das partidas semellaban ir directas ao empate, pero neses últimos segundos para o cálculo, soamente Víctor Miguel acadaba a vitoria universitaria, mentres Senlle, Guerra e o capitán, Pablo García, caían derrotados. As dúas partidas restantes foron as primeiras en finalizar. Rafael Rodríguez, a pesar da vantaxe e da súa velocidade acabou perdendo por un erro de cálculo. Mentres, Páramos se convertía no mellor da xornada e acadaba unha vitoria cómoda. 

O Universidade de Vigo cae así ao terceiro posto, por detrás de Círculo Ferrolano que é líder, e o InterRías Sanxenxo, segundo. O descarte para o campionato non é matemático, pero os de Pablo García dependen de terceiros resultados. Primeiro e segundo deben enfrontarse na última xornada, pero as opcións dos universitarios pasan xa por unha carambola e por “golear” nos dous encontros que quedan por disputar. 

Para os equipos das categorías inferiores tampouco foi unha boa fin de semana. Na Segunda División E, o CXF Casa da Xuventude empatou 2-2 co UVigo XG, mentres que o Chiringo Contos Tui impúxose 2.5 – 1.5 ao UVigo 2020. Na Segunda División F acadouse a única vitoria, 1-3 do Escola Deportiva Universitaria ante o Escola Lalín A.

Hemeroteca