00:00 h. jueves, 18 de abril de 2024

Día Mundial do Turismo: “Mil millóns de turistas, mil millóns de oportunidades”

Stadio Sport  |  27 de septiembre de 2015 (02:00 h.)

Turismo de Galicia únese a esta celebración mundial e quere manifestar a importancia que este sector ten para a economía galega

 

Hoxe, 27 de setembro, celébrase o Día Mundial do Turismo e este ano baixo o lema Mil millóns de turistas, mil millóns de oportunidades quérese prestar especial atención á contribución do turismo como un dos piares fundamentais para obter un futuro mais sostible para todos.

Turismo de Galicia únese a esta celebración mundial e quere manifestar a importancia que este sector ten para a economía galega. O turismo, que representa o 10,6% do PIB, xera o 11,2% do total do emprego da nosa comunidade. Deste modo, constitúe un sector clave na economía galega pola súa capacidade de potenciar o desenvolvemento das localidade e xerar un importante volume de emprego.

Esta importancia nos outorga a responsabilidade de planificar e desenvolver o turismo dunha maneira ordenada e cunha folla de ruta que integre a todos os axentes implicados. De aí a creación do Plan Integral de Turismo que aposta por unha coordinación público-privada e unha cooperación institucional para desenvolver e propiciar diferentes accións previamente calendarizadas.

Con elas, Galicia constitúe un territorio exemplar de desenvolvemento turístico sostible no que o esforzo e o traballo das administracións únese ao realizado polo propio sector.

Deste modo, a nosa comunidade identifícase polas súas 131 praias, os 19 portos deportivos e os 16 sendeiros galardoados coa Bandeira Azul, os 46 concellos declarados de interese turístico, o selo Starlight outorgado recentemente a Veiga, as 268 empresas certificadas co Q de Calidade Turística, as 127 festas de interese turístico ou a Carta Europea de Turismo Sostible que obtivo este ano o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Estas son algunhas das distincións que recoñecen a labor desenvolvida a prol do turismo sostible en Galicia e que están dispoñibles para todos aqueles que nos queiran coñecer en formato de celebracións, visitas, rutas e programas turísticos.

O día de hoxe é unha maneira de conmemorar e lembrar as bonanzas deste sector para o desenvolvemento sostible das poboacións locais e para a súa economía. O turismo ten valor en si mesmo como elemento xerador de riqueza, como factor de reequilibrio territorial e como instrumento de dinamización do territorio no que se asentan as empresas e servizos turísticos. A isto hai que engadir a súa capacidade para xerar intanxibles, xerar imaxe e conformar unha percepción concreta do destino Galicia.

Hemeroteca