00:06 h. viernes, 19 de abril de 2024

A Deputación de Lugo aproba un acordo para incrementar a presenza dos produtos lácteos galegos no mercado

Stadio Sport  |  29 de septiembre de 2015 (17:00 h.)

A proposta dos populares inclúe a elaboración dun plan de apoio ao sector lácteo para a mellora da calidade do leite nas explotacións galegas en colaboración coas cooperativas

 

A Deputación de Lugo aprobou este martes un acordo, a proposta dos populares, para potenciar a presenza dos produtos lácteos galegos no mercado, co obxecto de aumentar o consumo e a acadar a diferenciación do leite galego de calidade.

O deputado delegado de Medio Rural, José Ulla, deu a benvida á unanimidade acadada neste acordo, xa que “era moi necesario que os socialistas deixasen de empregar aos gandeiros só cun claro interese partidista e se centrasen en traballar en prol da defensa dos seus intereses”. Esta proposta ten como obxectivo a promoción do leite galego na provincia e, polo tanto, “as emendas presentadas na sesión plenaria non teñen que ver co acordo que se traslada nesta proposta”, matizou Ulla.

En concreto, a proposta dos populares que sacará adiante a Deputación de Lugo busca a coordinación entre administracións para promocionar o consumo do leite de calidade diferenciada producida nas explotacións galegas, e que se comercializa baixo a marca ‘Galega 100%’. Esta implicación coa produción láctea galega desenvolverase en consenso co conxunto dos colectivos sociais e asociacións de consumidores, e mesmo cos hostaleiros para concienciar aos cidadáns no consumo do leite de calidade galego.

Amais, a Deputación de Lugo tamén elaborará un plan de apoio ao sector lácteo para a mellora da calidade do leite nas explotacións gandeiras da provincia en colaboración coas cooperativas e de forma coordinada con outras iniciativas que se acheguen dende a Unión Europea, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente ou a Consellería de Medio Rural e do Mar.

 

O Goberno da Deputación, compromiso cos gandeiros

Ulla lembrou que o Goberno provincial popular actuou en todo momento en apoio ao sector lácteo, mantendo reunións cos representantes “para escoitar as súas demandas e inquedanzas ao respecto, para así poder tomar todas as decisións que estivesen nas nosas mans”. Nesta liña de traballo, “sacamos adiante propostas en beneficio dos gandeiros, como o inicio das xestións para o peche da Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro, xa que non é normal que unha administración pública lle faga competencia desleal aos gandeiros da provincia de Lugo”.

Hemeroteca