00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

A convocatoria de axudas a deportistas individuais da provincia, á que a vicepresidencia da Deputación de Lugo destina 70.000 euros, pechouse con preto de 300 solicitudes

Stadio Sport  |  01 de noviembre de 2014 (02:00 h.)
IMG_4562

As bases regulan que só se concederán un máximo de 200 bolsas, que terán unha contía de entre 300 e 2.000 euros cada unha. Durante o mes de novembro avaliaranse as peticións e a concesión resolverase en decembro. A estas axudas só podían concorrer deportistas menores de 35 anos -salvo aqueles de capacidades especiais- que non poden acceder a outro tipo de convocatorias desta institución

 

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, avanzou onte na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno do organismo provincial que a convocatoria de bolsas destinadas a apoiar a deportistas individuais se pechou o pasado mércores con preto de 300 solicitudes recibidas. Veiga recordou que a finalidade desta convocatoria, dotada cunha contía total de 70.000 euros e na que se entregará un máximo de 200 bolsas, é “apoiar a deportistas que competiron en 2013 en modalidades individuais e non poden acceder a outro tipo de convocatorias desta institución e doutras ás que se accede mediante os equipos”, apuntou.

O vicepresidente do organismo provincial explicou que durante o mes de novembro se van valorar todas as solicitudes, quedando a súa resolución para decembro. Debido ao gran éxito desta convocatoria, que superou todas as expectativas, algunhas solicitudes deberán ser rexeitadas, xa que se estableceu a concesión dun máximo de 200 bolsas. Asemade, os deportistas cuxa solicitude sexa aceptada recibirán un mínimo de 300 euros e ningunha poderá ter un importe superior aos 2.000 euros. Cada deportista só podía optar a unha única axuda, con independencia do número de modalidades deportivas que practique.

 

Fortaleza do tecido deportivo da provincia

Veiga cualificou a convocatoria de “absoluto éxito, xa que superou con creces mesmo as nosas previsións máis optimistas” e subliñou que esta resposta “demostra a fortaleza que ten o en todas as disciplinas o tecido deportivo da nosa provincia”. Así mesmo, lembrou o “esforzo importante que supón para a área de Deporte manter este investimento de 70.000 euros dende hai tres anos, pero permítenos cumprir cun dos obxectivos que sempre nos marcamos, a aposta polo deporte de base da provincia e, polo tanto, polos nosos deportistas. Dúas das prioridades sobre as que sempre xiran as medidas tomadas por este goberno son garantir o benestar social e fomentar o deporte”, remarcou. É importante recordar que con esta liña de subvencións se viña axudando a uns 175 deportistas, polo que todo fai indicar que por primeira vez se cubrirá o cupo máximo de peticións.

 

Cambio no baremo e catro liñas de axuda

Á hora de resolver estas solicitudes, este ano haberá un cambio importante no baremo, xa que, ao contrario que en pasadas convocatorias, non se valorará só o mellor resultado da tempada, senón os dous mellores, algo que serve para restarlle un pouco de presión aos deportistas. Mantense, iso si, a obrigatoriedade de ter competido nun mínimo de catro probas, salvo casos excepcionais.

As bases establecen catro liñas de axuda segundo a ideade dos e das aspirantes: (A) ata os 16 anos, dotada con 38.000 euros; (B) entre os 17 e os 25 anos, dotada con 25.000 euros; (C) de 26 a 35 anos, ambos incluídos, dotada con 3.000 euros; (D) deportistas con capacidades diferentes –sen límite de idade- e aqueles menores de 36 anos que non puideron competir durante o ano 2013 por estaren lesionados, dotada con 4.000 euros.

Hemeroteca