12:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O Concello rememora a orixe das festas do San Froilán cun libro do lugués Adolfo de Abel Vilela

Stadio Sport  |  08 de octubre de 2015 (02:00 h.)

Lara Méndez presentou esta publicación, a nº12 da colección San Froilán dos Devanceiros, posta en marcha polo Concello en 2004 para reforzar a memoria histórica lucense

 

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron este mércores no Salón de Plenos o libro A orixe das festas modernas e contemporáneas, de Adolfo de Abel Vilela. Trátase da publicación nº12 da colección San Froilán dos Devanceiros, posta en marcha polo Concello de Lugo no ano 2004 para reforzar a memoria histórica lucense tratando cuestións moi diversas relacionadas coas festas do San Froilán. No acto tamén estivo presente o autor así como o responsable da colección, Darío Xohán Cabana.

Na presentación do libro, a rexedora agradeceulle a Adolfo de Abel Vilela esta nova contribución “á historia da nosa cidade, á que tantos anos e tanto traballo lle leva dedicado”, publicación que complementa á anterior obra da colección, A orixe das feiras, das exposicións e dos concursos. Neste senso incidiu Basadre, que fixo fincapé no carácter polifacético de Vilela.

Lara Méndez tamén quixo agradecer o labor que desenvolve Darío Xohán Cabana á fronte desta colección que realiza unha revisión histórica da cidade.

Pola súa banda, Adolfo de Abel de Vilela agradeceu a confianza que o Concello depositou nel para sacar á luz o nº12 da colección San Froilán dos Devanceiros, unha colección que Darío Xohán Cabana definiu como “única”.

O libro A orixe das festas modernas e contemporáneas recolle información das festas barrocas durante a Idade Moderna, celebradas o século XVIII, nos cales o papel principal correspondía á Confradía de San Froilán, aínda que tamén aos gremios e ao propio Concello. A parte máis extensa do libro corresponde ás festas contemporáneas, organizadas só polo Concello, que naceron como unha actividade de apoio ás feiras do San Froilán, con moitas dificultades e cun orzamento moi escaso. 

Hemeroteca