17:19 h. martes, 16 de abril de 2024

O Concello reforza a seguridade viaria en 29 centros educativos de Ourense

Stadio Sport  |  24 de septiembre de 2015 (18:16 h.)

Na sesión da Xunta de Goberno Local deuse conta dun informe da Concellería de Tráfico cos traballos na mellora da sinalización vertical e horizontal realizados durante o verán, inmediatamente antes do inicio do curso escolar

 

A Xunta de Goberno Local deste xoves aprobou recibir as obras de urbanización correspondentes ao proxecto de urbanización do AR 13-N “Covadonga”, relativo ás 52 vivendas de Promoción Pública, ao executarse segundo as condicións fixadas no seu día e por estar en correcto estado de conservación, previa entrega das mesmas á Administración mediante comparecencia administrativa.

A partir de agora, ábrese un prazo de garantía dun ano durante o que lle corresponderán á entidade solicitante as obrigas de conservación, mantemento e reparación das obras entregadas por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo, de acordo coas condicións establecidas nos informes técnicos do Servizo de Infraestruturas de 7 de setembro de 2015 e do Servizo de Medio Ambiente de 16 de setembro de 2015.

Tamén se lle require ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a constitución de garantía, en calquera das formas legalmente admisibles, por importe de 27.55,53 euros para garantir o cumprimento das obrigas de conservación, mantemento e reparación das obras a recibir durante o prazo de garantía dun ano.

Outro dos asuntos aprobados esta mañá foi a aprobación dun convenio de colaboración entre o Centro Educativo CIFP A Farixa (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e o Concello de Ourense para a realización de prácticas formativas en materia de Turismo e Termalismo, correspondentes á ensinanza “Guía información e asistencia turística”.

 

Seguridade viaria nos centros educativos

Fóra da orde do día, deuse conta dun informe da Concellería de Tráfico sobre a “Campaña de colexios do curso 2015/2016”. Esta campaña consistiu en actuacións realizadas en 29 centros de ensinanza da cidade durante o verán, co fin de mellorar a seguridade nos devanditos centros e poñer a punto a sinalización horizontal e vertical nos colexios de:

Salesianos, Concepción Arena, O Couto, Santo Ángel, Xesús Pousa, Divino Maestro, Padre Feijóo, Amadeo Rodríguez Barroso, Carmelitas, Hermanos Villar, Josefinas, Mestre Vide, Manuel Sueiro, As Lagoas, Divina Pastora, Curros Enríquez, As Mercedes, Vistahermosa, Luis Acuña, Seixalbo, José García (Mende), Eiroás, Covadonga, Casardomato, Otero Pedraio, San Pío X, Cisneros, A Inmaculada, Mariñamansa e Maristas.

En todos estes centros fíxose un estudio da situación da sinalización horizontal (pasos de peóns, liñas de pre aviso de bandas, liñas amarelas, zona de seguridade, zonas de emerxencia nas portas principais e aparcamentos do bus escolar) e da vertical (sinais de tráfico reflectarias indicativas de centro escolar, bandas sonoras).

Como resultado desta campaña, repintáronse 20 elementos de sinalización horizontal (pasos de peóns, liñas de pre aviso de bandas, liñas amarelas, zona de seguridade, zonas de emerxencia nas portas principais e aparcamentos do bus escolar) e instaláronse 6 novos elementos de sinalización vertical (sinais de tráfico reflectarias indicativas de centro escolar, bandas sonoras).

Hemeroteca