00:00 h. jueves, 18 de abril de 2024

Concello de Ourense e Xunta de Galicia asinan un convenio de colaboración para a promoción e mellora de infraestruturas turísticas

Stadio Sport  |  29 de agosto de 2015 (01:51 h.)

Ten un importe de 149.600 euros, dos que a Axencia de Turismo de Galicia achegará 139.600  e o Concello de Ourense 10.000 euros. Permitirá melloras no alumeado da zona termal, aforro de augas nas termas e a instalación de recursos informativos para o turista

 

O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e Nava Castro, directora Xeral de Turismo, asinaron este venres no Salón de Plenos do Concello un convenio de colaboración para a promoción e mellora de infraestruturas turísticas. O orzamento desta colaboración establece unha contía total de 149.600 euros, dos que 139.600 euros serán asumidos pola Xunta de Galicia e 10.000 euros serán achegados polo Concello.

O rexedor e a directora xeral felicitáronse pola posta en valor das infraestruturas, nomeadamente da zona termal, e das ferramentas para a promoción turística, xa que o obxectivo final é que divulguen máis e mellor as potencialidades turísticas de Ourense e fagan máis agradable a experiencia dos turistas que nos visitan.

“Unha das prioridades en materia turística deste Concello é aumentar os días de estancia do turista na cidade e afianzar Ourense coma un destino excepcional dentro de Galicia, no que se aúnan a experiencia termal, histórica, paisaxística e unha gastronomía de primeira calidade”, afirmou o alcalde. A colaboración entre ambas entidades permitirá, entre outras cousas, “que a referencia de quen nos visita sexa óptima e queira voltar”, dixo Jesús Vázquez.

 

Mellora de infraestruturas e mellor divulgación

O convenio contará con dúas liñas de colaboración fundamentais. Por unha banda, a mellora de infraestruturas turísticas, de modo que se reporá alumeado público na zona termal (reforzando especialmente a fonte do Tinteiro e o paseo termal) por importe de 37.000 euros. A mellora da zona termal tamén chegará á auga: o texto do convenio estipula unha partida de 48.000 euros para a instalación dun sistema de arrefriamento das augas nas termas de Outariz e nas Burgas de Canedo, de modo que o seu uso sexa máis eficiente e se poida aforrar en consumo.

No referente á promoción turística, instalaranse paneis informativos con recursos para o turista en lugares estratéxicos da cidade: a estación de ferrocarril, punto de chegada de moitos dos nosos visitantes, a Ponte Romana, a Alameda, As Burgas e o Casco Histórico. Esta sinalización costará 30.000 euros. Tamén se instalarán paneis de sinalización do Camiño de Santiago – Vía da Prata na entrada do termo municipal de Ourense (3.000 euros). Así mesmo, adquiriranse pantallas dixitais con tecnoloxía interactiva para a Oficina Municipal de Turismo e outros lugares estratéxicos (21.600 euros), para que o acceso á información sexa global e, nunha soa sesión, os turistas coñezan que coñecer, que lugares visitar e onde poder gozar da visita a Ourense intensamente.

O convenio asinado esta mañá establece, igualmente, unha comisión de seguemento que estará formada por persoal da Concellería de Turismo do Concello de Ourense e por persoal da Axencia de Turismo de Galicia. A súa vixencia remata en novembro de 2015.

Hemeroteca