00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

Carmela Silva destaca a posta en marcha do Servizo de Emprego da Deputación de Pontevedra

Stadio Sport  |  03 de octubre de 2015 (19:00 h.)

A presidenta informou da ampliación das axudas ós concellos para manter o programa de axuda no fogar

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu tras a Xunta de Goberno para informar dos asuntos tratados, entre os que destacou a posta en marcha do novo Servizo de Emprego da institución provincial.

A presidenta asegurou que para todo o Goberno provincial o principal obxectivo é o emprego, "e máis hoxe que conocemos os malos datos do desemprego a nivel nacional e a nivel da provincia". Así, destacou que o novo Servizo de Emprego, composto por 14 funcionarios que antes estaban dispersos, agora será o encargado de desenvolver a política da institución.

Neste momento, segundo informou a presidenta, está en marcha o proxecto "Depoemprega", que, con 110 persoas,  busca a inserción no mundo laboral de cincuenta persoas.

Ó mesmo tempo estase a realizar un obradoiro de emprego para 15 persoas no Centro Príncipe Felipe sobre atención sociosanitaria, dirixido ó coidado de maiores. Son 370 horas de formación teórico-práctica e os seus participantes reciben un contrato de formación equivalente ó salario mínimo interprofesional.

Igualmente estanse a desenvolver ate finais de ano tres accións formativas para desempregados en Príncipe Felipe: un curso con 15 alumnos de mecanizados de madeira, un curso con 8 alumnos sobre promoción turística local e información e, por último, outro curso con 15 alumnos de animación físico-deportiva.

Para rematar cos aspectos de emprego Carmela Silva destacou o programa "Prácticum", en virtude do cal os alumnos de Formación Profesional poderán facer prácticas en empresas do estranxeiro; a mediados deste mes de outubro sairán para os seus destinos en Italia e Reino Unido. De feito, Silva sinalou que a próxima semana manterá un encontro cos 42 rapaces e rapazas que partirán para o estranxeiro nesta primeira parte do programa.

Por último, a presidenta da Deputación informou que a Xunta de Goberno aprobou unha convocatoria extraordinaria ó Plan de cofinanciación cos concellos dos servizos sociais comunitarios para a subvención do Servizo de Axuda no Fogar nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Dótase doutros 125.000 euros esta partida para que os concellos poidan pedir novas axudas para manter o persoal que está a ofrecer estes servizos nos 53 concellos da provincia ou para material.

Tamén a Xunta de Goberno aprobou axudas do Plan de actividades culturais  para asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven diversas actuacións en concellos de toda a provincia. En total aprobáronse 260 subvencións por un importe de case 280.000 euros. Estas axudas contemplan intercambios culturais, festivais ou exposicións.

Hemeroteca