00:06 h. viernes, 19 de abril de 2024

Besteiro: “O discurso de Feijóo soa a despedida”

Stadio Sport  |  02 de enero de 2016 (01:17 h.)

O responsable socialista apunta a que 2016 sexa “o ano do cambio e da recuperación social e económica para tódolos galegos e galegas” para que “ninguén quede atrás”

 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Besteiro, dixo que o discurso de Fin de Ano de Feijóo, o derradeiro desta lexislatura, “soa a despedida”. O responsable socialista apunta a que 2016 sexa “o ano do cambio e da recuperación social e económica para tódolos galegos e galegas” para que “ninguén quede atrás”.

O responsable socialista considera que a intervención de Feijóo presenta unha “valoración moi pouco real” dun ano que supuxo que Galicia “non aproveitou as súas oportunidades”. Galicia continuou diverxendo con España e Europa, perdendo poboación e incidindo nos recortes dos servizos públicos, castigando á educación e ao ensino público con novas privatizacións e taxas.

Gomez Besteiro amosou a súa sorpresa pola “loa ao entendemento” que fixo hoxe o presidente da Xunta “escasos días despois de demostrar o seu veto parlamentario a todas e cada unha das 600 emendas socialistas presentadas aos Orzamentos da Xunta para 2016”, pechando a porta a “calquera proposta ou iniciativa” da oposición.

Censurou que o presidente galego “presuma ademais de déficit e de estabilidade orzamentaria” cando incrementou a débeda pública un 250 por cento dende 2009, pasando de 4.000 a 10.000 millóns de euros, sen incluír os máis de 1.500 correspondentes ao Hospital de Vigo, sen que isto se teña traducido en investimento produtivo.

 

Galicia do revés

O mesmo presidente do PP que presume de que Galicia é referencia en España cando “ten posto a Galicia do revés”, obrigando a fuxir de Galicia a quen quere traballar nela, e facer que os pensionistas que teñen as pensións máis baixas do Estado teñan que dedicalas a manter aos seus fillos e fillas”.

Un país que, lonxe da imaxe idílica que presenta o presidente da Xunta, ve cómo os mariñeiros, en lugar de estar faenando, pasan o Nadal acampados en San Caetano, a escasos metros do despacho do presidente da Xunta, en protesta por un reparto inxusto das cotas de pesca no cerco.

Engadiu que, ao mesmo tempo, “os gandeiros, en lugar de traballar no campo, teñen que ir a protestar ás cidades” facendo tractoradas en protesta polo desleixo do goberno galego diante da situación crítica do sector do leite e dos abusos da industria e as grandes distribuidoras.

O líder dos socialistas galegos censurou que Feijóo aluda á identidade galega cando “Galicia perdeu sobre todo nestes anos na lingua e na cultura, onde non tivemos un goberno capaz de poñer a Galicia onde se merece”.

Hemeroteca