00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

A área de deporte da Deputación de Lugo mantén a súa liña de axudas a clubs e concellos da provincia cun investimento de 630.000€

Stadio Sport  |  28 de marzo de 2014 (03:00 h.)
lugo deportes

“Non é casualidade que desde o ano 2008, coa nosa entrada no goberno, a Deputación de Lugo sexa das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente” – afirmou Veiga

 

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, esta mañá, as bases da convocatoria das axudas en materia de deportes para este ano 2014, dirixidas á realización de actividades deportivas por parte das entidades deportivas e clubs así como para actividades deportivas e investimentos para concellos, para o que a área de Deportes destinará, nesta anualidade, 630.000 euros, a mesma cantidade que o ano pasado.

Coas cifras desta convocatoria na man, Antonio Veiga afirmou que “a Deputación de Lugo é o sostén do deporte de base no conxunto da provincia de Lugo. Pese ao descenso orzamentario mantemos as mesmas liñas de axudas e as mesmas cantidades que o ano pasado, ratificando a nosa aposta polo apoio deporte de base, un dos nosos principios desde que adquirimos responsabilidade de goberno nesta institución”.  

Segundo explicou o vicepresidente, “dos 630.000 euros aos que ascenden as axudas, 500.000, unha gran parte do orzamento e exactamente a mesma cifra que o ano pasado, irá destinado para as entidades deportivas e clubs da provincia, que potencian a descentralización do deporte, fomentan actividades saudables no tempo de lecer, así como a creación de emprego e a dinamización económica”.

Neste caso, igual que en convocatorias anteriores, as entidades poderán solicitar axudas para tres tipos de axudas: actividade competitiva prolongada ao longo do ano, até un máximo de 8.000 euros; axudas para a organización de eventos deportivos puntuais, até un máximo de 4.000 euros; e axudas para actividades deportivas non competitivas que se desenvolvan de xeito continuado, até un máximo de 8.000 euros. Destas tres liñas de axudas, as asociacións e clubs deportivos poderanse acoller a dúas delas.  

No que se refire á liña de axudas para os concellos en materia de promoción deportiva, destinarase, ao igual que na pasada anualidade, de 130.000 euros, dos cales 80.000 euros irán dirixidos á realización de investimentos en infraestruturas e á adquisición de equipamentos, e 50.000 destinaranse para gastos correntes de promoción deportiva. No primeiro caso os concellos poderán solicitar até 6.000 euros para investimentos, e até 3.000 euros para equipamentos; e no segundo caso poderán solicitar até 2.500 euros para a organización de eventos puntuais, e até 5.000 euros para a organización de actividades ao longo do ano. Neste sentido, os concellos só poderán acollerse a dúas liñas de axudas, ou ben para facer investimentos ou adquirir equipamentos, por un lado, ou a programar unha actividade deportiva puntual ou unha actividade anual, por outro.

 Veiga insistiu en que “se seguen mantendo as liñas de axuda para deportes, non como ocorre noutras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, onde este tipo de axudas desaparecen, xúntanse dúas anualidades nunha convocatoria, ou caen a mínimos irrisorios e onde non se fai un esforzo financeiro para manter as liñas de axuda para o tecido asociativo, mentres que nós si que facemos contas para que as entidades deportivas dispoñan da mesma cantidade orzamentaria”.  

“Non é casualidade que desde o ano 2008, coa nosa entrada no goberno, a Deputación de Lugo sexa das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente” concluíu o vicepresidente.

As bases desta convocatoria, nas que se establece que para todas as axudas concedidas, o importe mínimo da subvención será de 300 euros, e que as entidades beneficiarias deberán financiar como mínimo un 5% da súa actividade con recursos propios, saíran aprobadas na Xunta de Goberno de mañá e publicadas no BOP no prazo dun par de días, e as entidades e os concellos poderán solicitar este tipo de axudas deportivas no prazo dun mes empezando a contar a partir do día seguinte da súa publicación.

Hemeroteca