00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Unha alianza internacional para minimizar os riscos nas concas dos ríos Miño e Limia

Rosa Tedín | Ourense  |  08 de octubre de 2015 (19:33 h.)

Este xoves asinouse en Ourense un protocolo de colaboración para o impulso dun proxecto transfronteirizo. Coa participación das universidades de Vigo e Porto e das confederacións hidrográficas afectadas

 

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, está impulsando un proxecto de cooperación transfronteiriza chamado Risc Miño-Limia que ten como obxectivo a preparación das concas internacionais dos ríos Miño e Limia fronte a fenómenos extremos cada vez máis frecuentes producidos por intensas choivas ou secas prolongadas. Este xoves, a entidade asinou un protocolo de colaboración para o impulso desta iniciativa coa súa homóloga lusa, a ARH Norte da Axencia Portuguesa do Ambiente, e coas universidades de Vigo e Porto. Os axentes implicados confían en pór en marcha unha iniciativa que durante tres anos suporía un investimento de 2,5 millóns de euros en coñecemento e que constituiría o primeiro gran proxecto internacional no que se implicaría o Campus da Auga, a aposta de especialización do campus de Ourense. 

 

Un proxecto de coñecemento con impacto no territorio

Na sinatura participaron Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; o seu homólogo na ARH Norte da Axencia Portuguesa do Ambiente, José Carlos Pimenta, e Rodrigo Maia, da Facultade de Enxeñaría da Universidade do Porto, estando tamén Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense, cuxa entidade acolleu o acto de sinatura do protocolo, e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. Este proxecto, subliñou Salustiano Mato, “vai contar con todo o potencial de crecemento” da Universidade de Vigo. Como universidade do sur de Galicia e como impulsora do Campus da Auga, a institución académica, salientou o reitor, comprométese a participar nesta iniciativa polo impacto que pode ter no territorio e porque “abre ventás de oportunidade para a formación e a inserción laboral dos nosos estudantes, para a retención de talento”. 

“Coa seguridade de que este proxecto sairá adiante”, Francisco Marín recalcou que se trata dun “proxecto ilusionante porque supón un investimento de 2,5 millóns en coñecemento arredor da auga e nin un euro en formigón”, algo que cualificou como un “fito”. A mesma confianza e ilusión é compartida polos homólogos lusos, salientando José Carlos Pimenta durante a sinatura o feito de que se trata dun “proxecto ambicioso pero cun obxectivo claro”, pioneiro no ámbito europeo e “inspiración” para outras iniciativas transfronteirizas. É, apuntou Rodrigo Maia, un marco que permitirá “crear o hábito de traballar en común” e que “potenciará a colaboración” entre as institucións implicadas. 

Segundo explicaron os promotores do proxecto, a finais do pasado mes de febreiro foi aprobado o novo Programa de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal INTERREG V A, que financiará proxectos transfronteirizos durante o período 2015/2020 por un importe total de 382 millóns. Nesta liña de acción, o protocolo asinado este xoves ten por obxecto establecer o marco para unha posible colaboración futura entre as partes asinantes para a execución das actuacións que se deriven do proxecto transfronteirizo POCTEP Risc Miño-Limia, que se presentará á convocatoria que se abrirá o vindeiro 30 de outubro, e para outras posibles candidaturas a presentar en anos sucesivos. 

 

Nova cartografía e indicadores

O ámbito territorial do proxecto é o das concas dos ríos Miño e Limia tanto na parte española como portuguesa, así como as súas augas costeiras e de transición, que conforman a Demarcación Hidrográfica Internacional dos ríos Miño e Limia. Co proxecto preténdese desenvolver, de acordo con convenios específicos, diversas actuacións encamiñadas a elaborar un novo inventario “realista” de recursos hídricos da demarcación, que teña en conta o efecto do cambio climático nas partes española e portuguesa da demarcación, e a establecer unha nova cartografía, a escala adecuada, de toda a rede hidrográfica da demarcación e as súas concas vertentes asociadas, fundamental para a elaboración do inventario de recursos e das tarefas propias dos organismos de conca. “Traballamos con cartografías moi antigas e se non coñecemos o que temos dificilmente o podemos vixiar”, advertiu Francisco Marín.

Tamén se pretende crear un novo sistema de indicadores e limiares para situacións de seca para a demarcación internacional e a posta en marcha dun novo sistema de alerta temperá, baseado en modelos hidrometeorolóxicos e hidráulicos de software libre, que ofrezan unha previsión continua, polo menos a 72 horas, tanto de hidrogramas como de manchas de inundación en toda a demarcación, especialmente nos tramos transfronteirizos. O proxecto tamén busca o establecemento de novos puntos de control das redes dos sistemas automáticos de información hidrolóxica, de calidade das augas, de control do estado das masas de auga e das augas subterráneas e elaborar estudos para o establecemento de medidas de retención natural contra inundacións. 

 

Cara un novo plan conxunto no 2021

Tal e como salientou Francisco Marín, as accións previstas neste proxecto permitirían ademais avanzar na elaboración para o ano 2021 dun plan hidrolóxico conxunto para as concas Miño-Limia, plan único para todo o ámbito da demarcación internacional que melloraría os impactos e presións de conxunto e que permitiría ás entidades adiantarse aos episodios de intensas choivas ou prolongada seca.

Hemeroteca