00:09 h. jueves, 28 de marzo de 2024

35 empresas lucenses colaboran coa Xunta na tramitación das axudas do plan renove de fiestras

Stadio Sport  |  22 de septiembre de 2015 (13:49 h.)

Sesenta e oito máis colaborarán no plan de substitución de caldeiras por outras máis eficientes. As entidades colaboradoras son as encargadas de tramitar o procedemento: facer a reserva dos fondos, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación

 

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a relación de trinta e cinco empresas lucenses colaboradoras coa Xunta na tramitación das axudas do plan renove de fiestras do que poden beneficiarse tanto vivendas unifamiliares como comunidades de propietarios. O boletín oficial galego publica hoxe tamén a relación de sesenta e oito empresas lucenses máis que, neste caso, colaborarán coa Xunta no plan renove de caldeiras.

A Consellería de Economía e Industria promove dúas liñas de axudas para a instalación de caldeiras de gas natural, GLP ou biomasa (con apoios de ata o 40% do custo do proxecto) e para a renovación de fiestras (con axudas de ata o 25%).

 

PLAN RENOVE DE FIESTRAS

Esta última esta ten como obxectivo a substitución das fiestras xa existentes por outra de igual ou de inferior tamaño, de cara a incentivar a súa rehabilitación, acadando melloras significativas na calidade da construción co conseguinte aforro en termos económicos. A contía máxima por vivenda unifamiliar é de 100 euros por metro cadrado de oco co límite de 3.000 euros. Nas comunidades de propietarios ou edificios de vivendas a contía será de 3.000 euros cun máximo de 50.000 euros. En calquera dos dous casos, a cantidade da subvención non superará o 25% do custo total da obra.

 

SUBSTITUCIÓN DE CALDEIRAS

En canto ao sinalado na orde para renovación das caldeiras de alta eficiencia enerxética, promóvese a implantación de equipos de gas natural ou GLP, así como de novas caldeiras de biomasa, neste último caso, só en vivendas unifamiliares e comunidades de veciños do perímetro urbano de Lugo. Os apoios, chegan ata o 30% do investimento, elevándose ata o 40% se a caldeira que se prevé substituír é de gasoil

 

ENTIDADES COLABORADORAS

Balseiro lembra que os particulares que queiran beneficiarse destas axudas terán que poñerse en contacto con algunha das entidades colaboradoras, que son as encargadas de tramitar o procedemento (facer a reserva dos fondos, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, salientou que mediante estes apoios autonómicos non só se logra obter melloras e modernizacións nas estruturas de vivendas e edificios, senón novas fiestras e caldeiras que permiten obter un consumo máis eficiente de enerxía e contribuír á diminución da factura eléctrica das familias.

Hemeroteca