00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

Morris e o seu mellor amigo o microchip

Stadio Sport  |  30 de septiembre de 2015 (02:00 h.)

O Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) recolle un can que desaparecera hai un ano e reúneo co seu dono

 

Din que os cans son os mellores amigos das persoas... e tamén se pode dicir que os microchips son os mellores amigos dos cans. Así o demostra a historia de Morris, un golden retriever moi xoguetón e cariñoso que tras desaparecer hai máis dun ano volveu a encontrarse coa súa familia gracias ao dispositivo de identificación.          

O Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) da Deputación de Pontevedra quere facer fincapé, unha vez máis, na importancia que ten a identificación co microchip dos cans, xa que en caso de extravío é a forma máis rápida e segura de recuperalos.           

A noite do pasado xoves o CAAN recibiu unha chamada de Protección Civil de Sanxenxo alertando dun can que deambulaba pola autovía do Salnés. Coa súa colaboración conseguiuse rescatalo e unha vez no centro os veterinarios comprobaron que estaba identificado con microchip. "En canto nos puxemos en contacto co seu propietario puidemos comprobar que este levou unha grata sorpresa, xa que segundo nos contou, facía máis dun ano que Morris desaparecera en Vigo e desde entón non parara de buscalo", explica o persoal da canceira.

Ese mesmo día toda a familia foi recoller a Morris xa que non podían crer que despois de tanto tempo e de tanto buscalo por fin o recuperarían. Morris enseguida os recoñeceu, mostrándose moi efusivo e contento coa súa familia.

Dende o CAAN recoñecen que "desgraciadamente aínda hai moitos casos de cans que non están legalmente identificados e isto fai que a recuperación dos animais sexa moito máis difícil".

A identificación electrónica é obrigatoria en Galicia desde o ano 2002 é o único método oficial recoñecido pola Xunta de Galicia, podendo ser sancionado o propietario dun animal sen identificar con multas que oscilan entre os 300 e os 2.400 euros.

Desde a Deputación de Pontevedra, a través do CAAN, estase a facer un gran esforzo subvencionando a identificación electrónica de todos os animais adoptados no centro, así como poñendo en marcha campañas como E Ti, de quen vés sendo?. Esta realizouse ao longo deste ano para concienciar aos propietarios de que a mellor maneira de protexer aos animais é coa súa identificación xa que, no caso de que se extravíen, van poder voltar a casa.

 

900 adopcións en dous anos

Os responsables do CAAN invitan á xente a optar pola adopción á hora de adquirir un can. As persoas interesadas poden visitar o centro, consultar a páxina web (www.caan.depo.es) que recibiu xa máis de 40.000 visitas, ou chamar por teléfono ao 986 140 360.

Hai que lembrar que a adopción dos animais de Armenteira non supón ningún custe para o interesado, premiando así a decisión de adoptar fronte a de mercar. Os animais adoptados son entregados aos seus novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados.

Desde a súa apertura en abril de 2013 o CAAN xa foi quen de tramitar preto de 900 adopcións de cans abandonados que, desta forma, teñen unha segunda oportunidade para estar cunha familia que os coide.

Hemeroteca