23:50 h. Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

As brigadas actuaron en medio centenar de estradas de Pontevedra por mor do temporal

Na fin de semana o servizo de vixilancia deu aviso da presenza de varias árbores nas vías, así como dun muro e un poste de tendido eléctrico tirados polo vento

Stadio Sport  |  06 de Octubre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

As brigadas provinciais de mantemento das estradas da Deputación estiveron en total actividade durante a mañá do luns e a fin de semana por mor do temporal. Só durante as primeiras horas de hoxe, luns, xa se actuou en medio centenar das vías provinciais, retirando arrastres da chuvia que taponaban tubos e arquetas, eliminando balsas de auga das calzadas e apartando árbores e ramas que impedían o tránsito.

As últimas actuacións de emerxencia realizáronse en Cambados, Caldas de Reis, Baiona e Mos, tras recibir chamadas do 112. No caso de Cambados advertiuse, sobre as 13:00 horas, da presenza de dúas árbores caídas, unha enriba da outra, na EP-9005 (Corbillón-Tremoedo); nestes momentos os operarios aínda seguen a traballar. En Caldas de Reis o aviso foi ás 11:20 horas, xa que na EP-8002 (Caldas-San Clemente) precisábase dunha limpeza da calzada pola presenza de moita terra e pedras que foran arrastradas pola auga. Outra brigada tivo que actuar en Baiona, na EP-2202 (Baiona-Loureza), polo risco de caída de varios sinais de tráfico, que estaban tirados na calzada e poñían en perigo a circulación.

Durante a mañá tamén foi preciso actuar na EP-2605 (Rebullón-Meixueiro-CUVI) por un muro caído na estrada debido á acumulación de auga que estaba a soportar. O aviso dérao o 112 preto das dúas da mañá advertindo que había un carril inhabilitado, polo que a brigada, durante a noite, procedeu a sinalizalo e hoxe, a primeira hora, a retirar todos os cascallos para facilitar o tránsito.

Ademais destas actuacións de urxencia todas as brigadas provinciais realizaron traballos por zonas nas vías. Os equipos da zona centro realizaron batidas para limpar os bueiros e evitar así que as balsas de auga asolagasen as estradas por culpa dos arrastres de ramas, herba e brozas que atrancaban os desaugadoiros e non deixaban aliviar. Estiveron nas estradas entre Curro-Portela, Curro-San Amaro, Valiñas-Portela, Portas-Romai, Goulla-Porráns, Mosteiro-Barrantes, Caldas-San Clemente, entre outras. Na zona do Salnés actuouse nas vías entre O Grove-San Vicente, no acceso a Siradella, á praia de Balea, de Carreiro, no camiño Virxe das Mareas.

Durante a fin de semana as brigadas do centro foron as que centralizaron todas as actuacións dos equipos de emerxencia da Deputación polo temporal.  Retirouse un taco de madeira de grandes dimensións que caera da carga dun camión de transporte na EP-0001 entre Bértola-Canicouva-Ponte Sampaio sobre as catro da tarde. Na mesma vía caeu o domingo unha árbore que impedía o paso. Despois foi preciso retirar un poste de tendido eléctrico da estrada, que tamén tirara varios sinais, na EP-9302 entre Sil-Covas-Barrantes (Ribadumia), e unha árbore na EP-0017 na estrada O Vao-Campañó.

Os equipos con base nos parques de Gondomar e Ponteareas (da zona sur) estiveron nas estradas de Arcade-O Viso, Cesantes-O Viso, Arcade-Amoedo, Alxán-O Viso, Portela-Redondela, Pazos-Borbén, Pazos-Ponteareas, Pazos-Muras, Barcia de Mera-Mondariz, Caldelas-Salceda, Soutelo-Entenza, Salceda-Picoña, Covelo-Barcia de Mera, Ponte do Val-Barcia de Mera, entre moitas outras. O repaso das vías continuaba durante a tarde e, ante a previsión de que o mal tempo continuase, estaba previsto que tamén se seguise no día de mañá.

Na zona norte da provincia tamén houbo plena actividade. Durante a mañá de onte traballouse nas estradas entre Agolada-Cruces, Larazo-Duxame, Berredo-Brántega, Berredo-Baíña, Orrea-Val-Brocos, Lalín-Rodo-Brántega e Cruces-Broncos, entre outras moitas.