18:13 h. miércoles, 24 de abril de 2024

Asesoramento a Cangas na peonalización da zona antiga

Stadio Sport  |  01 de octubre de 2015 (18:30 h.)

O deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, destaca o interese mostrado polo concello do Morrazo nas políticas de mobilidade sustentable e seguranza viaria

 

A Deputación de Pontevedra, a través do seu asesor en materia de mobilidade, Jesús Fole, púxose onte a disposición do Concello de Cangas para colaborar na posta en marcha da peonalización do casco vello do municipio do Morrazo.  O edificio administrativo da Deputación acolleu onte un encontro de toma de contacto no que estiveron presentes o deputado de Infraestruturas -Uxío Benítez-, o técnico provincial -Jesús Fole-, a tenente de alcalde e concelleira de Obras de Cangas -Mercedes Giráldez- e dous representantes da Policía Local morracense, xunto co xefe da Policía Local de Pontevedra, convidado á reunión.

Fole comprometeuse a estudar o proxecto que ten en marcha o concello para actuar no casco vello. Este está peonalizado na teoría, pero non existe ningún tipo de control sobre a circulación rodada na práctica. Nos vindeiros días, de feito, o arquitecto provincial manterá un encontro coa arquitecta responsable do Plan Especial de Reforma Interior del Casco Histórico de Cangas (Pepri). O obxectivo é que, de xeito conxunto, se revisen os proxectos previstos para que sexan viables dende o punto de vista da mobilidade sustentable e segura e da accesibilidade universal, eixos fundamentais para a Deputación provincial neste mandato no que se refire ás obras.

Neste sentido, o deputado de Infraestruturas Uxío Benítez mostrou a súa satisfacción pola sintonía co Concello de Cangas, "xa que tamén está a priorizar os tránsitos peonís sobre o tráfico a motor".   "Nós temos unha aposta clara pola mobilidade", remarcou a concelleira Mercedes Giráldez, que agradeceu o asesoramento técnico ofrecido dende a Deputación.

 

Estudo das vías provinciais

Por outra banda, o xefe da Policía Local de Cangas, Alberto Agulla, se comprometeu co deputado de Infraestruturas a elaborar un estudio sobre o estado das vías provinciais dentro do municipio. Este será trasladado aos técnicos da Deputación co fin de analizar cales deben ser as actuacións prioritarias en materia de seguranza viaria e mobilidade. Os representantes do Concello de Cangas manifestaron a urxencia de actuar nas estradas de titularidade provincial de acceso ás praias, con simples pintados e a correspondente sinalización vertical.

O concello de Cangas conta con once vías provinciais de preto de 25 quilómetros de lonxitude.

Hemeroteca