15:55 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A Deputación de Pontevedra achégase ao sobresaínte en transparencia

Stadio Sport  |  30 de diciembre de 2015 (19:42 h.)

A entidade provincial foi valorada cunha puntuación de 89,4, o que representa un incremento do 25 % con respecto á anterior medición de 2013

 

 

A Deputación de Pontevedra acadou unha puntuación de 89,4 sobre 100 no último Índice de Transparencia das Deputacións Provinciais, que acaba de facerse público esta semana. A entidade provincial incrementou nun 25 % a valoración que obtivo na anterior medición de 2013, na que recibiu un 71,3. Deste xeito a Deputación pasa do posto 23 ao 20 no ránking total de puntuacións en España e sitúase como a segunda deputación galega mellor valorada.

O índice, elaborado pola organización non gobernamental Transparencia Internacional España, inclúe tamén unha avaliación segundo seis áreas de transparencia. A mellor valorada na Deputación de Pontevedra foi a económico-financeira, cun 100; seguíronlle en puntuación as áreas de indicadores da lei, cun 92,99;  información, con 92 puntos; relacións cos cidadáns, con 90,9; contratacións de servizos, con 75; e  apoio aos municipios, avaliada cun 70,8. Todas estas áreas rexistraron unha significativa mellora con respecto ao índice de 2013.

O novo goberno da Deputación de Pontevedra, que tomou posesión no mes de xullo, fixo un esforzo para mellorar nestes catro meses os índices de transparencia da institución provincial e agarda dar un salto cualitativo no vindeiro ano 2016 coa aprobación dun Código Ético e unha Carta de Servizos. 

Ademais, a Deputación está a traballar no deseño dunha nova páxina web que incluirá un apartado específico de transparencia  e unha sección para os concellos, concibida para que teñan fácil acceso á información que lles compete. Outra cuestión na que se está a traballar desde o ente provincial é na retransmisión vía streaming dos plenos e dalgúns eventos.

Hemeroteca