00:03 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Vigo deseña o primeiro máster de xadrez dunha universidade española

D. Besadío | Vigo  |  11 de marzo de 2015 (19:57 h.)
vigo xadrez

O reitor reuniuse este mércores cos promotores do proxecto Xadrez na Escola. Institución e federación buscan a complicidade da Xunta para aprobalo e impartilo

 

A Comisión de Educación e Deporte do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade o pasado mes de febreiro unha proposición non de lei que insta ao goberno a implantar o programa Xadrez na Escola no sistema educativo español de acordo coas recomendacións do Parlamento Europeo. Hoxe, apenas un mes despois, os principais impulsores desta iniciativa, o deputado do Partido Socialista Pablo Martín e o presidente de honra da Federación Europea de Xadrez Silvio Danailov, mantiveron unha xuntanza de traballo coa comunidade universitaria viguesa encabezada polo reitor, Salustiano Mato, na que se anunciou que, tal e como xa se viña planificando desde hai arredor dun ano, a Universidade de Vigo será a primeira universidade española na que se imparta un mestrado en xadrez, converténdose así “na referencia de todas as universidades españolas na implantación deste deporte nas escolas”, recalcou o deputado socialista, promotor da proposición no Congreso.

“Vigo convértese así nunha das principais institucións que axudará a dar impulso a unha iniciativa que imos apoiar tanto desde o punto de vista académico como institucional”, subliñou Mato nunha rolda de prensa na que aproveitou para loar os “nobres valores, tanto no aspecto máis deportivo, como tamén no académico”, dun deporte ao que Danailov se referiu como “mestura de cultura, ciencia e educación”. 

 

Xadrez como materia en primaria

Martín aproveitou a súa visita a Vigo para explicar que a proposición que se aprobou no Congreso é o “compromiso político” que pode saír dun parlamento para instar ao goberno ao cumprimento da introdución do xadrez no sistema educativo español e tamén o seu fomento en espazos públicos, pero non supón unha modificación lexislativa. “Desde o parlamento forzamos ao goberno a adquirir ese compromiso político e agora é a el ao que lle corresponde tomar as modificacións lexislativas oportunas en coordinación e colaboración coas comunidades autónomas para que isto se poida levar a cabo”, subliñou o deputado socialista, ao tempo que explicou que agora se atopan na fase de ver como se pode levar a cabo a introdución deste deporte nas aulas, ao que engadiu que preferiblemente se tratará de introducilo en educación primaria, “pois pensamos que aínda hai espazo para facelo”, e como materia obrigatoria, non optativa, se ben isto á algo que aínda está sen decidir.

“O xadrez é a única actividade que reúne toda unha serie de valores deportivos e pedagóxicos que dificilmente se poden atopar noutra disciplina, algúns tan importantes para España como o feito de que mellora a comprensión lectora e o cálculo matemático, que son aquelas nas que, segundo o Informe Pisa, España debe mellorar”, lembrou Martín, ao tempo que explicou que o alumnado que cursa xadrez como materia desenvolve máis a intelixencia en diferentes parámetros, xa que aumenta as súas capacidades estratéxicas e memorísticas e desenvolve a concentración, entre outras moitas cualidades, “e todo a un custe económico moi baixo”.

 

O novo mestrado impartirase no campus de Pontevedra

“Se todo sae adiante como está previsto vai haber unha demanda moi grande de profesorado de primaria e secundaria que precisará formarse para impartir xadrez ou para empregar este deporte na súas materias”, explicou tras a xuntanza o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, quen xa en 2014 asistira en Madrid a un encontro no que a institución académica viguesa asinou un protocolo de colaboración coa Federación Europea de Xadrez orientado ao deseño dun mestrado dirixido a formar ao profesorado para sacarlle o máximo partido a este deporte como ferramenta pedagóxica.

Dentro das especializacións da Universidade de Vigo o Campus Crea de Pontevedra amósase como o lugar máis axeitado para impartir este tipo de formación xa que conta cunha Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte onde este tipo de titulación de posgrao tería, a xuízo dos responsables universitarios, “un acubillo perfecto”, ao que se sumaría o feito de que a Universidade de Vigo contan con equipos de xadrez en diferentes categorías, incluída a primeira división nacional. 

 

Implicación do goberno galego

“Desde o noso punto de vista contamos con todos os alicerces necesarios para defender ese mestrado”,explicou o vicerreitor de Relacións Internacionais e Extensión Universitaria, ao tempo que aclarou que a implantación do mestrado está condicionada á súa declaración como titulación de interese estratéxico. “Por iso é tan importante o compromiso da Xunta de Galicia, con quen os representantes de Xadrez na Escola se van reunir esta mesma tarde”, subliñou Fernández, resaltando a importancia de que haxa unha complicidade entre a Universidade e as estruturas de goberno para poder levar a cabo a implantación do mestrado.

“A Universidade de Vigo xa comunicou e xa se comprometeu a ser a primeira universidade de España que introduza na súa estrutura académica a formación en xadrez e agora o que agardamos é que estes pasos que se están a dar cristalicen e consigamos a complicidade da Xunta para aprobar o mestrado e podelo impartir”, engadiu o vicerreitor, que participou nunha xuntanza á que tamén asistiu Teresa París, responsable de Educación do Concello de Redondela, un dos municipios galegos pioneiro na implantación do xadrez como ferramenta educativa.

Hemeroteca