09:51 h. miércoles, 24 de abril de 2024

Suando a camiseta para dar o salto á división nacional

Noemí Rey | Ourense  |  11 de febrero de 2015 (20:48 h.)
rugby ourense

Bo momento deportivo do Campus Ourense Coosur feminino, inmerso xa na fase de ascenso. As xogadoras ven a súa participación no club de rugby “como unha oportunidade de realización persoal e deportiva”

 

Están vivindo un soño e pensan seguir deixándose a pel no campo para que ninguén poida espertalas. Despois de quedar segundo na clasificación da liga feminina, o Campus Ourense Coosur de rugby está agora inmerso en plena fase de ascenso, pelexando duramente para conseguir unha praza que as leve “aos playoff autonómicos facendo unha boa competición”. Sería o colofón final a unha gran tempada na que, ademais de gozar do deporte, as rapazas do club favorecen a igualdade da muller e a súa plena incorporación á práctica da actividade física e deportiva a todos os niveis. “Entre os nosos obxectivos está aprender e promover este deporte e tentar meter a outro equipo galego ademais do CRAT coruñés na división nacional, xa que iso sería moi importante”, salienta Olalla Ferreira, xogadora en activo e membro do equipo directivo do club.

O balance que fan dos meses que durou a liga feminina e dos dous primeiros partidos da fase de ascenso xogados é máis que positivo poñendo enriba da mesa tanto os resultados como o lado persoal. “Hai moito compañeirismo, seguindo a liña ascendente dos últimos anos. Agora soamente esperamos seguir crecendo como equipo e como grupo para poder obter a clasificación que tanto desexamos”, subliña Ferreira. Un bo ambiente que se reflicte tamén no que significa para as 22 rapazas que integran o equipo formar parte do Campus Ourense Coosur. “Para nós é unha oportunidade de relación, de realización persoal, de manter un estilo de vida saudable e de engancharse a un deporte que non é doado organizar de xeito espontáneo, xa que o número mínimo de persoas que se necesita para xogalo é de 15”, recoñece a xogadora.

 

 

Entre mulleres anda o xogo

Aínda que o deporte feminino en xeral goza de menor éxito que o masculino, no mundo do rugby a loita por facerse un oco é aínda maior. Asociado a equipos masculinos e xogadores de grandes complexións, o mundo do rugby vai máis aló e abre as súas portas a todo tipo de persoas, independentemente de idade, sexo ou físico. Deste xogo saen valores como aprender a que os seus participantes sempre van ser útiles nalgunha posición, a arrimar sempre o ombro, a respectar, a levantarse despois das caída, a avanzar cara a meta sexa cal sexa o camiño e os seus obstáculos, a gañar con humildade e perder con dignidade... valores que recollen como testemuño as rapazas adestradas por Julio Lamana, universitarias, egresadas e mesmo estudantes de Bacharelato para quen formar parte do Campus Ourense Coosur é un xeito de coñecer a Universidade de Vigo e “unha boa motivación para que moitas se queden tanto no club como no campus o ano que vén”. 

Actualmente, seis xogadoras están a cursar os seus estudos na Universidade de Vigo. Son Thais Regal, estudante de Administración e Dirección de Empresas; Rebeca Otero e Nadia Fernández, do grao en Educación Social, Águeda Monteserín, alumna SICUE no grao de Traballo Social; a propia Olalla Ferreira, diplomada en Educación Infantil, máster en Intervención e actualmente cursando o grao; e Beatriz Díaz, enxeñeira química que está a facer a súa tese de doutoramento e que traballa como PAS no campus ourensán. Entre as egresadas, a enfermeira Cecilia Martínez, a enxeñeira agrícola Ana de Martín e a física Ana Vidal. Toda unha variedade de opcións formativas, de gustos e de carácteres que conforman un dos mellores clubs de rugby feminino de Galicia.

 

 

Novos retos

Nun contexto de crise como o actual, as xogadoras do universitario ourensán son rápidas á hora de sinalar as necesidades do club, “o reforzo económico para poder asentar ao equipo técnico e de xestión, como en calquera club na actualidade”. Por iso, ademais de “lograr a mellor clasificación posible nas competicións disputadas”, son os obxectivos e retos a longo prazo do equipo os que posibilitan “que tempada a tempada podamos xogar, como manter e reforzar o grupo, conseguir chegar a un maior número de xogadoras, obter máis patrocinios e ter unha maior repercusión nos medios de comunicación”. Van polo bo camiño.

Hemeroteca