01:22 h. Martes, 25 de Junio de 2019

Serio correctivo dos Fillos de Breogán ao Uvigo FG

Os Fillos rematan a primeira volta da Liga na segunda posición.  José Barbeito Mancusi, Mancu, protagonista do partido cos seus 33 puntos

Stadio Sport  |  10 de Enero de 2015 (20:57 h.)
Más acciones:

 

Os Fillos de Breogán conseguiron a súa sexta vitoria na Liga Galega de Fútbol Gaélico fronte aos debutantes Uvigo por un contundente  53 (13-14) a 5 (0-5) cunha actuación destacada do hoxe dianteiro José Antonio Barbeito Mancusi, Mancu. Cos 33 puntos de hoxe, Mancu converteuse no mellor goleador nun partido da historia da Liga Galega e sitúase, con só tres partidos dIsputados, entre os máximos goleadores da presente temporada.

O partido foi un paseo para os coruñeses desde o primeiro momento e serviu tamén de proba para novas incorporacións, como Seijas ou Rubén, e xogadores menos habituais. Coas liñas adiantadas, forte presión na dianteira e sen deixar a oportunidade de sacar o balón en condicións aos vigueses, os Fillos conseguiron, ao pouco de comezar, 2 goles e dous puntos que os situaron cun 8-0 nos primeiros compases.

 

 

A partir de aí, e sen deixar a presión, os breoganeiros relaxaron o xogo para xogar a man e buscar posesións longas ou contragolpes rápidos, así como intentar xogadas que, noutros partidos, son máis difíciles de acadar. Ao termo da primeira parte o marcador xa auguraba unha vitoria cómoda: 28 a 1.

A segunda parte continuou coa tónica da primeira, a pesar de que os Fillos baixaron o ritmo e relaxaron o seu xogo. Isto serviu para que o Uvigo probase algunha que outra incursión na área e procurasen fortuna a paus, ampliando o seu marcador até os 5 puntos finais, que nada puideron facer contra os 53 dos Fillos de Breogán.

 

Segundos ao remate da primeira volta

Con esta vitoria, os Fillos pechan a primeira volta nunha posición inmellorábel, segundos na clasificación con 6 vitorias e só unha derrota fronte aos líderes, Estrela Vermelha. Os Fillos retomarán a competición, tamén na casa, o vindeiro 31 de xaneiro fronte ao Pontevedra FG.