22:24 h. Lunes, 22 de Mayo de 2017

Stadio Sport

As seleccións galegas infantil, cadete e Xuvenil de balonmán viaxan a Almería para disputar o Campionato de España

Os combinados galegos partirán o día 1 de xaneiro en autobús coa ilusión de facer un bo torneo

Stadio Sport  |  30 de Diciembre de 2015 (18:21 h.)
Más acciones:

 

As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas partirán  o día 1 de xaneiro en dirección a Almería, onde terán lugar os campionatos de España de seleccións territoriais destas categorías entre os días 3 e 8 de xaneiro. Os combinados galegos viaxan coa máxima ilusión despois de varios meses de traballo preparando esta importante cita. O pasado ano os resultados foron espectaculares, cun ouro para o equipo infantil feminino e dous bronces (cadete feminino e xuvenil masculino). 

A expedición  galega está formada por 120 persoas (deportistas, técnicos, fisios, árbitros e delegados) e partirán o día 1 de xaneiro en autobús dende Lalín a partir dos 20:00 horas. Con anterioridade (ás 18:00 horas) adestrarán en Lalín (pavillón vello e Lalín Arena). 

Será a terceira vez que se  celebren os tres campionatos de forma simultánea na mesma comunidade (en 2014 en Asturias e o pasado ano en Castellón). Este gran evento reunirá a case tres mil deportistas das 17 comunidades autónomas e as cidades autónomas de Melilla e Ceuta. En total participarán 105 seleccións e os partidos disputaranse nas localidades de Almería, Vícar, Roquetas e El Ejido.

A competición comezará o día 3 e as seleccións galegas terán o seguinte calendario: 

Infantil feminino

Galicia, dirixida por Carla Abad, está incluída no grupo A xunto a Cataluña, Aragón e Castela e León. O primeiro partido celebrarase o día 3 contra Cataluña (11:15 horas). As mini-galaicas acadaron o título o pasado ano, pero é un equipo completamente renovado.  

 

Infantil masculino

O equipo galego, con Pablo Blanco coma adestrador,  conforma o grupo A xunto a Andalucía, Canarias e Euskadi. Galicia debutará no torneo fronte á anfitrioa, Andalucía (11:15 horas). 

 

Cadete feminino

Alejandro Ocampo é a seleccionadora do equipo cadete feminino que debutará o día 3 de xaneiro contra Andalucía (13:00 horas). Forma parte do Grupo A xunto a Andalucía, Valencia e Asturias. Moitas das nenas foron as campioas do pasado ano en infantil, pero tiveron problemas durante o período de preparación, xa que sufriron moitas lesións. 

 

Cadete masculino

O equipo galego enfrontarase a Andalucía, Aragón e Cataluña no grupo B. O primeiro partido será contra Andalucía o día 3 (13:00 horas).  O adestrador cadete masculino é Sergio Carballeira. 

 

Xuvenil feminino

 A selección xuvenil feminina, dirixida por Javier Luengo, terá un complicado grupo (B), xa que se enfrontará a Cataluña, Valencia e Andalucía. Debutarán o día 3 (13:00 horas) contra Cataluña. 

 

Xuvenil masculino

Galicia forma parte do Grupo B xunto a Cataluña, Andalucía e Asturias. O primeiro partido será contra Cataluña o día 3 (13:00 horas). Adestrador: Ismael Martínez   

 

Declaracións dos seleccionadores xuvenís: 

ISMAEL MARTÍNEZ (seleccionador xuvenil masculino) 

- Con que obxectivo afronta o campionato? - O principal obxectivo do campionato é gozar, mellorar e crecer como grupo. En obxectivos clasificatorios, creo que irán ligados ao anterior: sempre se intenta mellorar o conseguido en xeracións anteriores (este grupo ten un sexto posto en infantís, e un meritorio 4 posto en cadetes). Todo o que sexa mellorar sería un gran éxito. 

- Qué destacaría do seu equipo? - Sen ningunha dúbida o grupo humano. Creouse un grupo fantástico cheo de grandes xogadores, pero sobre todo mellores persoas. Sorpréndeme moitísimo a intensidade que poñen en cada adestramento ou partido. Se somos capaces de trasladala á competición, seremos moi competitivos.  Destacaría dentro do grupo as posibilidades que nos aporta que todos os xogadores poidan xogar en ataque e en defensa, así como o equilibrio en cada posto e a competitividade dos 16 xogadores. Todos poden e van aportar ao longo do torneo. 

- Que equipos ve como favoritos para o campionato? - Os favoritos, si miramos os resultados de anos anteriores, son Andalucía e Cataluña (primeiro e segundo respectivamente tanto en infantís como en cadetes). Por desgraza ambos quedaron encadrados no noso grupo. Vai ser un grupo durísimo, pero se somos capaces de superalo, sairemos moi reforzados. Creo que Euskadi e Asturias (tamén no noso grupo), serán moi competitivos. Espero que nós esteamos por aí dando guerra tamén. 

 

JAVIER LUENGO (seleccionador xuvenil feminino) 

O seleccionador xuvenil feminino explicou que o período de preparación “foi moi intenso, con adestramentos específicos e dirixidos para evitar perdas de tempo”. 

Luengo ten moi claros os obxectivos para o seu grupo: “O primeiro aprender e gozar e o segundo desenvolver un bo balonmán que nos permita gozar na pista. O chanzo ao q aspiramos é difícil de definir. O pase á seguinte rolda é o noso obxectivo primario. Pero a competición será a que nos coloque no noso sitio”.  Do seu equipo destaca “a nobreza, ilusión e traballo” e para o campionato de España ve como favoritos a “Cataluña e Valencia. Estas dúas comunidades son, quizais, as máis fortes da competición. Tes unha xeración moi competitiva e con moita calidade”.