02:50 h. Domingo, 20 de octubre de 2019

Presentado o Desafío Volta a Lugo- VIII Volta ás Comarcas de Lugo

Terá tres etapas con saída en Lugo, Mondoñedo e a Pobra do Brollón. A proba desenvolverase entre o 24 e o 26 de abril e, por primeira vez, está dirixida a cicloturistas

Stadio Sport  |  26 de marzo de 2015 (20:51 h.)
Más acciones:

 

O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na presentación do ‘Desafío Volta a Lugo. VIII Volta ás Comarcas’, que discorrerá polas estradas da provincia de Lugo os vindeiros 24, 25 e 26 de abril. Tamén estiveron presentes no acto, que conduciu o xornalista José Areñas, José María Seijas, presidente do comité organizador; José Manuel Flores Arias, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo; Regina Polín, deputada provincial; José Manuel Díaz Grandío, concelleiro de Deportes de Lugo; Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón; e Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. Finalmente tamén tomou a palabra Santiago Seijas, director da proba, que fixo unha valoración técnica.

Hoxe presentamos a oitava edición xa da Volta ás Comarcas, que este ano será de carácter cicloturista e leva o nome de Desafío Volta a Lugo, xa que quixemos contar con todos os clubs cicloturistas da provincia. Deste xeito queremos recoñecer, como fixemos e estamos facendo desde a Área de Deporte da Deputación de Lugo na maioría das disciplinas deportivas, o inmenso traballo e esforzo económico que está facendo o deporte afeccionado, centrándonos neste caso no ciclismo a través dos clubs existentes en Lugo”, sinalou Antonio Veiga. A organización da mesma volverá a correr un ano máis a cargo do Clube Ciclista Cidade de Lugo.

O vicepresidente provincial destacou que “este ano contaremos con tres interesantísimas etapas, entre o 24 e o 25 de abril, unindo a primeira Lugo con Mondoñedo, a segunda Mondoñedo coa Pobra do Brollón e a terceira que terá como saída e chegada a propia vila pobrense”, explicou.

 

“Un bo escaparate turístico”

Antonio Veiga considera este evento “un bo escaparate turístico, antes de comezar a tempada estival, en plena primavera”, manifestou. Proba disto é “a participación da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, porque serán moitas as persoas, xa que aos participantes hai que engadirlle os seus acompañantes, que se acheguen esa fin de semana á recorrer a nosa provincia de norte a sur”, afirmou o responsable da Área de Benestar e Deporte da institución provincial, que convidou “a todos os afeccionados e afeccionadas do ciclismo a gozar destas tres marabillosas xornadas de ciclismo pola nosa terra”, concluíu.

 

Pola súa banda o presidente dos hostaleiros da provincia, Cheché Real, salientou que “a Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo é unha plataforma máis para consolidar a marca ‘E para comer Lugo’. Polo tanto, só podemos agradecer aos organizadores, o Clube Ciclista Cidade de Lugo, a súa invitación un ano máis”.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda asegurou que “estamos encantados de ter unhas grandes xornadas de ciclismo no noso pobo. Xa non é a primeira vez que pensan en nós, polo que estamos moi agradecidos, ao igual que con toda a xente que axuda a que esta proba se leve a cabo. Vai ser unha boa oportunidade de amosar a nosa paisaxe, a nosa gastronomía e moitos aspectos da nosa zona que nos gusta que vexan e valoren aqueles que nos visiten”, apuntou.

Mentres tanto, o concelleiro de Deporte de Lugo, José Manuel Díaz Grandío, tamén felicitou ao club lucense e resaltou que “penso que o cambio de formato é un acerto e estou convencido de que, ao igual que sucedeu con outros probas, manténdoo no tempo vai acadar un éxito importante. Este modelo de probas é moi demandado polos cicloturistas”.

Neste argumento tamén incidiu o vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo, José Manuel Flores Arias: “Desde a Federación estamos encantados e queremos felicitar ao Club Ciclista Cidade de Lugo por organizar este tipo de proba, que se botan moito de menos. Lugo é unha provincia fermosa, que todo o mundo vai disfrutar. E, desde o punto de vista deportivo, felicitarvos e darvos as grazas por facer máis grande o noso deporte”.

María Seijas, presidente do comité organizador, destacou que “esta vez volvemos un pouco ás nosas orixes, porque emperazamos facendo marchas cicloturistas, sendo sempre un éxito de participación. É outro tipo de carreira, máis familiar e moito máis complicado de organizar. Estamos nun tempo de moitos desafíos e nós desafiámonos a nós mesmos. Esperemos que nos salga ben e quero agradecer a colaboración de todo o mundo”, puntualizou.

Finalmente tomou a palabra Santiago Seijas, director técnico da proba, que iniciou a súa intervención dándolle as grazas “a todas as administracións que colaboran e patrocinan este evento, xa que sen eles non sería nada fácil levalo a cabo”, indicou.

 

Valoración técnica do desenvolvemento da proba

Plantexámoslle á Deputación de Lugo a opción de facer unha proba máis social e resultoulles unha idea moi atractiva e para nós foi un desafío tamén. Xa levamos anos de experiencia neste tipo de probas, pero é un pasiño máis porque a nosa intención é facer desta proba un referente a nivel estatal e chegar ao mellor, nun futuro, a ser unha referencia internacional. É a primeira vez que se vai facer unha volta cicloturista de tres días en Galicia e só hai dúas ou tres máis en todo o Estado. Está tendo unha repercusión mediática moi grande en todo o territorio estatal e incluso está tendo moita difusión en Portugal e imos ter participantes de alí”, explicou Santiago Seijas.

O director técnico da proba quixo deixar moi claro que “aínda que hai moita xente que ten dúbidas de anotarse porque teñen a idea de que vai ser competitiva, queremos recalcar que para nada vai ser así. Cada persoa vai poder ir ao seu ritmo, xa sexa máis alto ou máis rápido”, avanzou. Santiago Seijas sinalou que “do que se trata é de que os cicloturistas vivan a experiencia dunha volta por etapas, é dicir, que a vivan como un profesional, que adapten os seus esforzos contando que non é de só un día, senón tres e que teñen que intentar chegar á meta da Pobra do Brollón do último día”.

A intención da organización é introducir esta proba este ano “no calendario galego e estatal, e estamos convencidos de que en dous ou tres anos duplicaremos o número de participantes, xa que temos constancia de que hai moita xente á expectativa”, asegurou.

Seijas avanzou que “a infraestrutura vai ser igual que unha volta por etapas do nivel que fixemos os últimos anos, con camión podio, valados, etc. Este ano se cabe, sobre todo organizativamente, vai ser máis complexo, porque teremos saídas e chegadas en concellos diferentes co que haberá que duplicar persoal e temas de loxística”, recalcou.

 

“Un servizo integral e que os participantes só se preocupen de andar en bici”

En canto ao trazado, “percórrese a provincia de norte a sur e a dureza márcaa o propio terreo lugués. Intentemos facelo un pouco máis gradual, tocar as diversas comarcas que ten Lugo e que os participantes, unha vez situados en Lugo, só se teñan que preocuparse de andar en bicicleta e descansar para o día seguinte. Nós vamos desprazar aos participantes desde a saída das etapas ata Lugo, vamos desprazar as bicis o último día e ao chegar van ter un buffet libre para que repoñan forzas. O que se trata é de ofrecer un servizo integral e que os participantes só se preocupen de vivir a experiencia”, manifestou.

Seijas avanzou que “xa hai anotadas preto de 90 persoas. Temos dous prazos de inscrición e un máximo de 350 prazas, que creo non se vai chegar a cubrir. Chegar este ano a 150 ou 200 participantes xa sería un bo número, porque o habitual nestas probas é ter entre 60 ou 100, dependendo o tipo de pobra. Temos máis inscritos de fóra da provincia de Lugo [Asturias, León, Pontevedra, Ourense ou Portugal] que de aquí, así que, aínda que coñezan as estradas, anímoos a que se apunten porque é unha gran experiencia”, concluíu.

 

As etapas

A primeira etapa, o venres 24, contará con 86,2 quilómetros e unirá as cidades de Lugo e Mondoñedo. Partirá da Ronda da Muralla lucense ás 11 horas e chegará á cidade episcopal entre as 13:52 horas, no horario máis rápido establecido pola organización e as 14:55 horas, logo de superar un alto de 3ª categoría (Marco de Alvare) e dous de 1ª, a Cruz da Cancela e Lindín. A liña de chegada estará situada na praza da Catedral mindoniense. “Etapa de dificultade media na que nos encontraremos un perfil moi sinuoso na primeira parte da etapa e outro de dureza considerable preto do final, ascendendo dous altos consecutivos e gozando das paisaxes da bisbarra”, explican desde a organización.

O sábado 25 de abril disputarase a segunda etapa, entre Mondoñedo e A Pobra do Brollón. Serán un total de 127,3 quilómetros coa principal dificultade de atoparse con sendos altos de segunda categoría no inicio e no final da etapa. Ao pouco de saír da cidade episcopal subirán o Alto da Xesta e a pouco máis de 20 quilómetros para a chegada farán o propio co Alto de Oural. A saída darase ás dez e media da mañá e a chegada producirase entre as 14:44 e as 16:17 horas. “Nesta etapa, de dificultade media e considerada de transición, atravesamos practicamente a provincia de Norte a Sur e as súas bisbarras, predominando neste caso A Terra Chá. É a etapa de máis quilometraxe, onde se alterna o chairo con terreo sinuoso na parte final e onde o vento pode o noso aliado ou inimigo”, comentan desde o comité organizador.

Finalmente, este Desafío Volta Lugo pecharase o domingo, día 26, cunha etapa que terá A Pobra do Brollón como lugar de saída e de chegada. Con 80,5 quilómetros de percorrido, o principal escollo que se atoparán os cicloturistas será o alto do Boi, de 1ª categoría, que ascenderán máis ou menos no ecuador da tirada. Antes, no tramo neutralizado, xa deberán subir a Aldriz (3ª categoría) e, posteriormente, aínda terán que coroar Parada dos Montes (2ª categoría). A saída efectuarase na vila pobrense ás 10:30 horas e a chegada dos máis rápidos está prevista para as 13:11 horas. O arribo dos máis últimos está previsto para pouco despois das dúas da tarde. “Etapa final de espectacular beleza paisaxística e alta montaña onde atravesaremos toda a bisbarra do Courel. A máis curta en quilómetros, pero a máis dura debido aos numerosos altos que se ascenderán ao longo da xornada”.

O resto de información relativa á proba pódese atopar na web www.desafiovoltalugo.com, lugar no que tamén se realiza a inscrición. Ata o 1 de abril, o prezo é de 60 (federados) ou 80 euros (non federados). Entre o 1 e o 15 de abril, as tarifas ascenderán aos 75 euros, para os federados, e aos 100 euros, para os non federados. Estes prezos inclúen maillot e todos os servizos, excepto os de limpeza e mantemento de bicis, así como as comidas dos acompañantes. Tamén informan no enderezo info@desafiovoltalugo.com.