00:40 h. Martes, 25 de Junio de 2019

Presentada a 59 edición do Descenso do Miño, que se celebrará o vindeiro 23 de maio entre os concellos de Rábade e Lugo

En función das categorías establécense dous percorridos, un de 17,5 kilómetros e outro de 8. O Cidade de Lugo volve ser o encargado de organizala

Stadio Sport  |  22 de Abril de 2015 (17:40 h.)
Más acciones:

 

O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na presentación do Descenso Internacional do Miño de Lugo, que este ano acada a súa quincuaxésimo novena edición. Esta regata é a segunda proba máis antiga das que se celebran en todo o Estado, despois do Descenso Internacional do Sella. Acompañárono neste acto o concelleiro de Deportes de Lugo, José Manuel Grandío; o delegado en Lugo da Federación Galega de Piragüismo, Martín Carballo; e a directora técnica do Club de Piragüismo Cidade de Lugo, Lorena Jubón.

Antonio Veiga resaltou que “desde a Área de Deporte, unha das nosas apostas foi sempre o piragüismo, apoiando travesías tan históricas como esta do Miño ou a de Foz. De aí naceu a Copa Deputación de Piragüismo, que aproveitamos para dicir que se vai celebrar desde abril ata finais de agosto, sendo a primeira proba xa o 26 de abril, organizada polo Club Fluvial de Lugo. Seguirá a organizada polo CP Cidade de Lugo e despois serán xa as outras catro probas organizadas polos clubs da Mariña”, apuntou.

Esta nova Travesía do Miño ou 59 Descenso Copa Miño será organizado por sexta vez polo Club de Piragüismo Cidade de Lugo e abandonará a súa tradicional data de celebración nos últimos tempos, o primeiro sábado de xuño, para disputarse o 23 de maio. Este cambio é debido ao calendario tan apertado no ámbito estatal que hai esta campaña. A saída darase ás 12 horas na Ponte de Rábade e a liña de chegada estará situada nas instalacións do Club Fluvial de Lugo, polo que os padexeiros de categorías sénior, veterano e xuvenil que se animan a participar deberán cubrir unha distancia aproximada de 17,5 quilómetros. Pola súa banda, os cadetes, damas e canoas percorrerán unha distancia de 8 quilómetros, entre Ombreiro e Lugo.

Esta competición de descenso será novamente puntuable para a XIX Copa Galega de Ríos e Travesías e os organizadores esperan reunir a uns 400 padexeiros e padexeiras entre todas as categorías. “Esperamos que a participación sexa igual ou superior a anos anteriores, posto que é unha proba que edición tras edición vai medrando”, sinalou Veiga.

Pese a estar encadrada nesta Copa Galega, tamén poderán apuntarse participantes doutros comunidades autónomas, así como seleccións nacionais. Deste xeito, nos últimos tempos competiron no Descenso do Miño numerosos clubs de Portugal e combinados de Hungría ou Holanda. Haberá premios para os tres primeiros de cada categoría e modalidades (kaiak e canoa), e unha clasificación por equipos con premios para os tres mellores.

Desde o CP Cidade de Lugo agardan que este ano volvan estar presentes os padexeiros e padexeiras máis destacados da nosa provincia, entre os que cabe mencionar a parella de K-2 formada polos viveirenses Marcos Illanes e Alberto Pigueiras, do Club de Piragüismo Viveiro, “que terán serias opcións de disputar o triunfo final”, remarcan. Tamén avanzaron que contan coa participación de Jesús Rodríguez León no K-1, vencedor en numerosas edicións desta proba.

O delegado da Federación Galega de Piragüismo en Lugo, Martín Carballo, expresou a disposición da federación autonómica por colaborar con esta proba, “sobre todo polo pulo que lle dá a Deputación ao piragüismo lucense, tanto co apoio a esta competición como coa Copa Deputación e outras actividades que se desenvolven no verán, xunto co Concello de Lugo, que axuda coas escolas municipais”, sinalou.

 

Aumento do número de padexeiros grazas á Copa Deputación

Carballo agarda que “sigamos tendo unha continuidade, xa que de catro ano para aquí estamos medrando, non só no número de padexeiros, senón tamén en resultados e na mellora da eficiencia dos clubs”, asegurou. Así mesmo, avanzou que “animamos aos organizadores que traten de conseguir que a 60 edición da Copa Miño sexa Campionato de España, algo que tamén ten que permitir a Federación Española. Cremos que chegar ao 60 aniversario é unha cifra moi importante que non se cumpre todos os anos”, remarcou.

Mentres tanto, Lorena Jubón, representante do comité organizador, quixo “darlle as grazas á Deputación de Lugo polo apoio que sempre nos dá, así como aos concellos de Rábade, Lugo e Outeiro de Rei por colaborar nesta proba”, comentou. Jubón destacou que “a saída dos homes sénior e júnior se dará ás 12 do mediodía e o resto de categorías saíran unha hora máis tarde, para que os primeiros en chegar sexan os K-2 sénior, que sempre o máis vistoso para o público”, afirmou.

 

Aposta polo piragüismo feminino

Lorena Jubón apuntou que, “o máis reseñable para nós, ademais desde un club como o noso, que sempre resaltamos o deporte de base e o feminino, é que nesta proba se lle permite ás damas remar en barcos de equipo e non só de xeito individual, algo que creo que é digno de destacar porque as cativas teñen así a opción de competir no que desexen. Isto en Galicia só o poden facer na nosa proba e noutras dúas da Copa de Ríos e Travesías”, puntualizou a directora técnica do CP Cidade de Lugo.

Finalmente, avanzou que “pensamos que a participación deste ano será maior que o ano pasado, xa que poñemos bastante empeño en que este campionato sexa de nivel 1, que é o máis alto dentro do que podemos competir, co que garantimos que os clubs grandes teñan que vir remar con alguén para optar a algo serio na Liga”, concluíu.

 

Atravesa as fermosas paraxes das Terras do Miño

O vicepresidente provincial destacou as fermosa paraxes que atravesa esta proba e animou a participantes e acompañantes a gozar das mesmas. “Este Descenso discorre polas Terras do Miño, unha paraxe singular que ocupa unha ampla franxa do centro-norte de Lugo que se corresponde coa cunca alta do río Miño e atravesa 26 municipios”, sinalou Veiga.

O responsable de Benestar e Deporte no organismo provincial tamén salientou que esta zona “foi declarada Reserva da Biosfera no ano 2002 e este territorio reflicte á perfecta integración entre a paisaxe rural tradicional e importantes ecosistemas de tipo Atlántico, como as típicas fragas, que albergan especies propias de zonas húmidas como o carballo, o castiñeiro, o acivro ou o bidueiro”, concluíu.

 

Unha proba con moita historia

A primeira Copa Miño, que naceu vencellada ás patronais na honra de San Froilán, celebrouse o 12 de outubro do 1951 e espertou un gran interese entre a cidadanía lucense desde os seus comezos, de forma que contribuíu á difusión e popularización deste deporte na cidade amurallada, á que non se lle discute a súa condición de berce do piragüismo galego. As limitacións orzamentarias e falta de apoio das comisións de festas do San Froilán fixo que a proba non se celebrase entre o 1957 e o 1962, un sexenio ao que lle poría fin a Federación Lucense de Piragüismo, que se responsabilizou no 1963 da súa celebración e esta competición xa non volvería a atopar atrancos para a súa continuidade ata os nosos días.