00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

A preparación dos ciclistas do Rías Baixas comeza en Ciencias da Educación e do Deporte

Stadio Sport  |  27 de mayo de 2015 (21:51 h.)

O profesor da facultade Óscar García realizou unha valoración do rendemento dos corredores deste club. En base a diferentes parámetros, fíxanse as pautas que permiten optimizar o seu proceso de adestramento

 

Con independencia da categoría, é moi común que a preparación dun ciclista pase por botar moitas horas na estrada enriba da bicicleta. Mais este método de adestramento non sempre resulta efectivo se non se dispón da información precisa para optimizar o tempo dedicado á preparación, segundo explica o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Óscar García. De aí o valor de contar cunha avaliación do rendemento que permita “individualizar e planificar cada proceso de adestramento”, como a que nesta tempada realizou para o Club Ciclista Rías Baixas, que ten nesta facultade do campus pontevedrés un valioso aliado. Non en van, o proceso de “abrir o capó e ver como está o ciclista por dentro” que implican estes estudos está a resultar de “moita axuda” para que este equipo amateur con sede en Nigrán “estea avanzando na súa progresión e facendo unha boa tempada”, como salienta o seu director deportivo, o ex-ciclista profesional Marcos Serrano.

“No ciclismo, e máis nestas categorías, é frecuente que cada ciclista teña que buscarse a vida á hora de prepararse”, admite o director deportivo do Rías Baixas, que avoga, pola contra, tanto por “un adestramento personalizado como tamén colectivo”, unha forma de traballar pouco habitual que, engade, “non concibimos sen estes métodos”. De feito, Serrano sinala que a colaboración brindada deste a facultade non só ten contribuído a orientar a preparación dos corredores, senón tamén “a corrixir algúns defectos e vicios adquiridos ou mesmo para previr algunha posible lesión”. 

 

 

As claves para evitar o “adestramento de palla”

“Na miña opinión, trátase de algo fundamental, dun piar básico, xa que sen unha avaliación inicial, sen saber que buscamos para que poidan ir evolucionando, non se pode adestrar con rigorosidade”, engade Óscar García, que a comezos de tempada realizou na facultade unha “avaliación global de cada ciclista”, consistente na medición dunha serie de parámetros relacionados co seu rendemento en competición. Por unha banda, estudouse a súa composición corporal, “sobre todo fixándonos na súa porcentaxe de graxa e na súa masa muscular”, e mediuse tamén a súa potencia, coñecendo “os vatios que son capaces de aplicar ao pedal”. Así mesmo, realizouse unha “tensiomiografía”, unha avaliación do sistema neuromuscular, pola que “vemos as características dos principais músculos que afectan á pedalada, que ao testalos de forma illada, permítennos saber se teñen o ton muscular adecuado ou como son as medidas de simetría, algo que é moi importante nos ciclistas novos”, como apunta García, xa que permiten detectar e corrixir “descompensacións” naqueles corredores que teñen máis forza nunha das extremidades.

A partires desas medicións, que García realizou co soporte do grupo de investigación Healthyfit, do que forma parte, e coa colaboración das estudantes de doutoramento Alba Cuba e Alicia Ribeiro, xeráronse unha serie de informes nos que se inclúen as recomendacións do que se debe mellorar, co obxectivo de “orientar o adestramento do ciclista e facer que sexa cada vez máis eficiente enriba da bicicleta”. Nese senso, admite este profesor que neste eido “o ciclismo é un deporte moi pouco desenvolvido” o que provoca que aínda siga existindo a idea de que “ti fai un montón de quilómetros, que con iso melloras”. Mais isto dá lugar ao que se define como “adestramento de palla”, horas de preparación “que non serviron para nada, porque a meirande parte do tempo estabas rodando por debaixo das intensidades nas que deberías, polo que o adestramento non produce ningún efecto”. De aí que García recalque o valor de dispor dunha avaliación inicial coa que, a través unha serie de indicadores, como a velocidade, a frecuencia cardíaca, ou a frecuencia de pedalada, poder “optimizar tanto ás horas de adestramento como a súa carreira como ciclista". 

 

Uns efectos que se notan na estrada

Aínda que o curso pasado, xa se realizará unha primeira colaboración con este club, neste 2015 leváronse a cabo por primeira vez, grazas a un convenio de colaboración co Rías Baixas, estas avaliacións do rendemento, que ao longo da presente tempada serán obxecto dun seguimento para coñecer que efectos están a causar nos corredores as propostas de adestramento deseñadas por García. “Ao longo da tempada, estou continuamente informado dos resultados que supón o traballo prescrito xa que a idea é que, se acertamos, en oito semanas o ciclista xa note un incremento da súa forma”, salienta García, que amosa a súa satisfacción cunha colaboración que fai posible, por unha banda, “unha transferencia directa do que facemos na facultade, neste caso á mellora dun equipo ciclista” e, por outra, obter uns datos que contribúen a “dotar a estes protocolos da suficiente rigorosidade para que nos poidan servir como datos de investigación”.

Mais os efectos desta colaboración comezan a verse tamén sobre a estrada, como admite García. “Trátase de ciclistas moi novos que están a competir cos mellores equipos nacionais amateur”, salienta este profesor, que, non obstante, incide en que “os resultados son só unha variable do rendemento, que non hai que illar, senón tela en conta con outras vinculadas a súa progresión”. Tamén amosa a súa satisfacción con esta iniciativa o director deportivo do club, que destaca o bo papel realizado polos seus corredores en probas como a Volta Ciclista á Provincia da Coruña, na que o Rías Baixas rematou sexto na clasificación por equipos. Ex-alumno da facultade, Serrano incide en que “os que fomos universitarios sabemos que é aí onde se desenvolven os maiores avances” e salienta a axuda que supoñen este tipo de estudos, cos que, admite, non contou nos seus preto de 20 anos como profesional, á hora de traballar na evolución dun grupo de ciclistas novos, “xa que nestas idades o importante é aprender o oficio e saber adestrar”.

Hemeroteca