00:23 h. jueves, 18 de abril de 2024

Muimenta acolle este domingo a VII Festa dos Xogos Tradicionais con máis dun cento de xoguetes

Stadio Sport  |  04 de junio de 2015 (03:02 h.)

Durante todo o día o recinto da Moexmu acollerá demostracións de deportes rurais galegos, asturianos e portugueses, obradoiros de fabricación de xoguetes, presentacións de libros e competicións de bolos e billarda

 

O recinto feiral de Muimenta acollerá este domingo a VII Festa dos Xogos Tradicionais con demostracións de máis dun cento de xoguetes tradicionais galegos, competicións de deportes rurais e outras actividades. O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, presentou este mércores xunto a membros de Xotramu, a Asociación do Xogo Tradicional de Muimenta, este evento que chega á súa sétima edición o vindeiro domingo día 7 de xuño durante todo o día, desde as 11:00 até as 20:00 horas, en Muimenta.  

Antonio Veiga destacou que “o traballo de recuperación dos xogos e doportes tradicionais galegos iniciado hai 8 anos pola Vicepresidencia da Deputación e as áreas de Cultura e Deporte está a dar os seus froitos por todo o país, con todo un movimento social e asociativo traballando neste eido e competicións estables que moven a centos de practicantes por todo Galiza de disciplinas como os bolos, a billarda ou a chave”

Esta edición da Festa dos Xogos Tradicionais dará cabida a xogos rurais e tradicionais galegos, así como tamén doutras culturas próximas á nosas como unha representación de xogos asturianos e portugueses, e tamén a un campionato de tiro de corda, competición de bolos e de chave, aberto de billarda e a maiores obradoiros de construción de enredos, exposición de xoguetes tradicionais e xogos para nenos e, como novidade, a presentación dos bolos de Parada do Sil e do libro adicado aos xoguetes naturais Outono-Inverno.

As actividades comezarán ás 11 da mañá e desenvolveranse durante todo o día e as persoas que o desexen poderán quedar a xantar por 11 euros. Veiga animou ás familias a acudir e a animarse a participar e xogar. “Os máis pequenos descubrirán xogos e xoguetes que nunca viron e os seus avós poderán rememorar os seus xogos e xoguetes da nenez. É unha festa para todas as idades”, destacou o vicepresidente.

 

Intensa labor de divulgación durante todo o ano por colexios de toda Galiza

Pola súa banda, Xosé Lombardero, membro de Xotramu, quixo agradecer o apoio indispensábel da Área de Cultura da Deputación para a organización do evento e destacou que, logo do rotundo éxito das pasadas edicións, estabeleceuse definitivamente que cada primeiro domingo de xuño Muimenta conte con esta festa dos xogos tradicionais na que este ano se poderán ver máis de cento vinte xogos diferentes, moitos dos cales se están recuperando por toda Galiza grazas ao traballo de Xotramu e outras asociacións que realizan unha intensa labor de divulgación durante todo o ano por colexios de todo Galiza.

Antonio Veiga destacou que “esta festa de recuperación e posta en valor dos xogos tradicionais cumpre á perfección cos obxectivos que parten das áreas que forman a Vicepresidencia no que ten a ver coa parte máis cultural da recuperación dun elemento importante da nosa tradición e tamén coa parte máis deportiva, de recuperación dos nosos deportes autóctonos. Por iso desde a Vicepresidencia sempre tivemos claro o noso deber de apoiar aos colectivos que cos seus medios desenvolven un traballo como Xotramu, sobre todo na súa énfase de cara a desenvolver a promoción e recuperación dos nosos xogos tradicionais porque forman parte do noso patrimonio cultural, material e inmaterial, de Lugo e do país, e tamén porque potenciando estes xogos estamos poñendo de relevo características propias da nosa idiosincrasia, a identidade propia deste país, e a través deles outros elementos como a lingua”.  

Para Antonio Veiga “tanto para os maiores coma para os nenos e nenas, ollar todos os elementos dos que están compostos os xogos, as súas dinámicas sociais, os materiais de que están feitos, de onde proveñen, etc, pode servirnos para darnos conta da nosa identidade común”. Ademais, lembrou que “dentro dos múltiples xogos e deportes tradicionais que se poderán ver e practicar en Muimenta, hai exemplos como os casos da competición de bolos ou billarda que moven a moreas de xente en competicións organizadas durante todo o ano en Galiza, como a Liga de Bolos ou a Liga Nacional de Billarda, e que en Lugo estas respectivas ligas contan co apoio da Área de Cultura da Deputación”.   

Hemeroteca