16:45 h. Lunes, 14 de octubre de 2019

O mellor rugby do Estado español daráse cita este sábado en Lugo no encontro entre Galiza e Euskadi

As seleccións absolutas masculina e feminina de Galiza e Euskadi e Cataluña disputarán a I edición da Galeuscat Rugby Cup

Stadio Sport  |  28 de mayo de 2015 (23:41 h.)
Más acciones:

 

O mellor rugby do Estado español darase cita este sábado en Lugo no primeiro dos tres partidos da Galeuscat Rugby Cup, que disputarán as seleccións absolutas masculina e feminina de Galiza, Euscadi e Catalunya e que foi presentado esta mañá na Deputación de Lugo.

O vicepresidente do organismo provincial, o nacionalista Antonio Veiga, destacou o “apoio decidido que desde a área de Deportes da Deputación se está a dar a todas as disciplinas deportivas tanto en categoría masculina como feminina e a aposta por dar visibilidade a deportes minoritarios coma o rugby pero cunha fonda tradición en Lugo”. O responsable da área de Deportes da Deputación fixo fincapé na “calidade” da Galeuscat Rugby Cup e avogou por que esta competición, que se celebra por primeira vez, teña continuidade nos vindeiros anos consolidándose como “o verdadeiro Torneo das Tres Nacións”.

O presidente do Muralla Rugby Club e vicepresidente da Federación Galega de Rugby, Fernando Rois, explicou que se trata do único torneo oficial no Estado español entre seleccións autonómicas e indicou que se disputará en tres encontros: este sábado día 30 enfrontaranse as seleccións masculina e feminina de Galiza e Euskadi en Lugo, o 6 de xuño enfrontaranse Euskadi e Catalunya en Getxo e o 13 de xuño enfrontarnase Galiza e Catalunya nas Pontes.

 

O estadio das Pedreiras acollerá esta “festa do rugby”

O encontro deste sábado entre as seleccións de Galiza e Euskadi disputarase co estadio das Pedreiras a partir das 16:15 horas pero durante todo o día haberá toda unha serie de actividades que converterán a xornada nunha “festa do rugby”, afirmou Fernando Rois. Así, desde as 11:00 horas terá lugar unha concentración das categorías inferiores de todos os clubs que xogan a Liga Galega e que reunirá máis dun cento de nenos e nenas sub 12 de equipos de Galiza e o Bierzo, que compite na Liga Galega.

Tamén terá lugar o enfrontamento entre as seleccións femininas absolutas de Galiza e Euskadi na disciplina de Rugby Seven, que xogarán tres partidos ás 11:00 horas, ás 14:00 horas e ás 18:15 horas, polo que “este sábado no estadio das Pedreiras haberá rugby durante todo o día”, afirmou Rubén López, xogador de Rugby e alma mater da Galeuscat Rugby Cup, que animou aos afeccionados lucenses a acudir porque “poderá verser o mellor rugby do Estado español, tanto en categoría masculina, onde destaca a selección de Euskadi, como en categoría feminina, onde destacan as xogadoras galegas do Crat da Coruña. A representación lucense no torneo está cuberta por parte de dúas xogadoras e un xogador do Muralla Rugby Club convocados coa selección galega.