17:48 h. viernes, 19 de abril de 2024

Oito medallas para a Selección Galega de Taekwondo no Campionato de España Sénior

Stadio Sport  |  15 de febrero de 2015 (23:50 h.)
grupo

Na clasificación por equipos, Galicia proclamouse subcampioa de España na categoría feminina, masculina e na xeral

 

Galicia logrou un total de oito medallas (dous ouros, tres pratas e tres bronces) no Campionato de España sénior de combate que se disputou hoxe en Cartaxena coa participación de 250 deportistas. Con estes resultados, Galicia acadou  na clasificación por equipos o subcampionato na categoría masculina, feminina e na xeral. Os ouros foron para Lúa Piñeiro e José Fernández; as pratas para Katya Calvar, Sabela López e Adrián Jiménez e os bronces para Fernando Rascado, Francisco Padín e Xián Silva.   En -74 quilogramos masculino Galicia foi a gran protagonista, con tres representantes no podio. José Fernández (Natural Sport), que saía dunha lesión, fixo un campionato perfecto con cinco vitorias en outros tantos combates. Sufriu para meterse nas semifinais contra o representante de Madrid Álvaro Rodríguez ao que eliminou no punto de ouro, para atoparse en semifinais con Xián Silva (Mace Sport) ao que superou por 5-1. Na final tiña enfronte a Daniel Quesada e o galego, nun combate moi serio e concentrado, acadou a medalla de ouro (2-0). Así, primeiro posto para José, e dous bronces galegos (Xián Silva e Fernando Rascado). 

 

 

Fernando Rascado (Natural Sport Riveira) logrou a medalla de bronce tras superar en cuartos a Manuel Beloqui (Madrid) por 3-0. O madrileño ten que retirarse do tapiz por lesión. Na semifinal, o vigués non puido superar a Daniel Quesada (3-1) e logrou a terceira posición no podio. 

Pola súa banda, Xián Silva (Mace Sport) logrou o pase ás semifinais tras lograr un triunfo contundente contra o taekwondista de Extremadura Álvaro González (17-4). Na loita por meterse na final tivemos un cruce entre galegos (José e Xián) e gañou o máis veterán. 

 

 

O outro ouro galego chegou na categoría feminina en -67 quilogramos. O magnífico estado de forma de Lúa Piñeiro (Natural Sport) e Katya Calvar (Mat´s) parecía indicar que poderíamos gozar cunha final galega se o sorteo non o impedía e así foi. Ambas foron dando pasiños cara á medalla. Katya eliminou á Aída Martínez (Valencia) nun combate controlado e apacible, para posteriomente enfrontarse a María Díaz (Cataluña) por un axustado 1-0. E así plantouse na final, onde tería que pelexar contra Lúa. Pola súa banda, a caldense gañou a semifinal contra Cecilia Castro (Madrid) por 2-1 e logrou o pase a ese combate estelar, onde ambas galegas estiveron a un nivel excepcional. Foi unha loita moi axustada que só puido decidirse no punto de ouro a favor de Lúa, despois de que se chegara ao remate dos tres asaltos con empate no marcador (3-3). Ao final, Lúa Piñeiro proclamouse campioa de España e Katya Calvar, subcampioa. 

Ademais, Sabela López (Patiño) logrou a medalla de prata no peso pesado. Acadou a final, tras superar nas semifinais a Miriam Ortega (Madrid) por 11-13, pero non puido lograr o título fronte a Zuriñe Padilla (Euskadi). Caeu por 6-1. 

 

 

A segunda medalla de prata galega foi para Adrián Jiménez (Natural Sport) en -54 quilogramos. O galego tivo un duro camiño ata as medallas. Deixou polo camiño a Jaume Torréns (Baleares) na primeira rolda e posteriormente a Carlos Javier González (Canarias) por 5-1. Na semifinal superou ao taekwondista de Madrid Jorge Canales (5-2) e só caeu na final contra Jesús Tortosa (Madrid) por 21-1. Medalla de prata para o galego. 

En -68 Galicia logrou outro bronce grazas a Francisco Padín (Natural). Acadou o pase as semifinais gañando ao representante de Valencia Jesús Francisco Ruíz con bastante superioridade (8-3), pero neste penúltimo combate antes de loitar polo ouro, caeu fronte a Eduardo Longobardi (Baleares) por 7-2.

Hemeroteca