00:01 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Lúa Piñeiro: “Vai ser un campionato interesante e duro dende o primeiro combate”

Stadio Sport  |  10 de abril de 2015 (02:35 h.)
lua

A deportista galega asegura que sairá a polo ouro, aínda que se atopa nun momento de moito traballo cara ao Mundial

 

Lúa Piñeiro (-67 quilogramos, Natural Sport Riveira) está viviendo de forma moi especial os días previos á disputa do Open de España de Taekwondo. Nesta oportunidade non ten que coller avión, facer escalas e pasar moitas horas mortas nun aeroporto. “Xoga” en casa e está feliz: “Pois a verdade é que me comprace poder celebrar un campionato de tal calibre na miña cidade. É unha grande oportunidade para dar a coñecer dunha vez por todas o noso deporte, polo que teño moitas ganas de que chegue o día”. A galega non teme á presión por competir ante os seus e asegura que “vou gozar pero tamén a traballar. A familia está para animarte máis que nunca e iso non é malo, pero non hai nada que demostrar”. 

 

- Que espera Lúa Piñeiro deste Open a nivel deportivo?

- Pois coma sempre digo, imos a polo ouro. A verdade é que o Open chega nun período de moita carga, pois nun mes temos o Campionato do Mundo e para iso estamos a traballar, pero poñeremos toda a carne no asador. Será un importante test cara o Mundial, pero dende logo queremos eses 10 puntos e imos a por eles. 

 

- Cales serán os principais rivais esta fin de semana?

 - Pois teño a primeira do ranking olímpico, Elin Johnson, e a Eslovenia, Exipto e Costa de Marfil entre outras, que tamén están dentro das 32 mellores do ranking. E iso sen esquecérsenos das españolas coas que tamén temos que contar. Por todo isto será un campionato interesante e duro dende o primeiro combate. 

 

-Que balance fas da tempada ata agora?

 - Pois creo que os resultados están a ser bastante bos. Competimos durante mes e medio todos os fins de semana co mellor de cada casa e, aínda que non foi doado, conseguimos puntuar en todos. Pero sempre se pode mellorar, e por iso seguimos traballando. O traballo será redondo cando os resultados sexan inmellorables e por sorte aínda temos marxe e ambición para seguir subindo. 

 

- Os Xogos de Río están moi preto.. son un soño? Un obxectivo?

- Sempre foron o meu soño pero levo dous anos traballando moito para facelo realidade e dende ese momento converteuse no meu obxectivo prioritario. Cara a aí imos encamiñando todo o que facemos, e o certo é que se miramos o calendario xa non queda nada polo que é agora ou nunca. Teño claro que será un ano durísimo, pero para iso levo toda a miña vida facendo taekwondo, non? (Risas).  

Hemeroteca