13:22 h. Lunes, 15 de Octubre de 2018

Stadio Sport

Lúa Piñeiro competirá o xoves 14 de maio no Mundial de Taekwondo en Rusia

A galega Lúa Piñeiro (-67 quilogramos, Natural Sport Riveira) competirá o xoves 14 de maio no Campionato do Mundo de Taekwondo, que se está a celebrar entre os días 12 e 18 de maio en Chelyabinsk (Rusia). A deportista galega comezará a súa competición fronte a marroquí Hakimo El Meslahy

Stadio Sport  |  12 de Mayo de 2015 (16:38 h.)
Más acciones:

 

Lúa estivo concentrada xunto ao resto do equipo no CAR de Barcelona ata o día 9 de maio, no que partiron en dirección a Chelyabinsk. Este será o segundo Mundial no que participará Lúa: “O primeiro foi en México e despois de tres duros combates, quedei ás portas da medalla caendo 2-1 contra China Taipei, a cal acabou facendo final. Así que espero poder dar un pasiño máis e mellorar eses cuartos de México”. 

Para a nosa deportista está concentración co equipo nacional foi moi positiva: “O certo é que levamos un ano moi duro no que só parabamos na casa para facer e desfacer a maleta, polo que con tanto campionato, o tempo para adestrar escasea moito. Por iso, na miña opinión, esta concentración facíanos moita falta. Estivemos dúas semanas en Madrid adestrando con Alemaña, Gabón, Noruega, Costa Rica e Venezuela, e por outro lado dúas máis en Barcelona. E aínda que estamos cansados polo duro traballo, somos un equipo moi unido e con moitas ganas polo que nos axudamos moito”. 

Cando se lle pregunta polos obxectivos, Lúa nos sorprende cunha interesante historia: “Mira, no libro que estou a ler agora hai un capitulo que conta unha historia onde un rei quería casar a súa filla.

O mandatario dixo que aquel que conseguise coa súa lanza atravesar o río se levaría a princesa. Os guerreiros máis fortes do lugar intentárono sen éxito ata caer exhaustos. Cando un campesiño pediu unha lanza todos se mofaron del, pero agarrou a lanza, colleu carreira, proxectou o metal e atravesou o río! Rapidamente o rei baixou a felicitar o novo heroe o cal lle respondeu: `Non me felicite, Maxestade, eu non conseguín o meu obxectivo... eu apuntaba ao sol´. O que quero dicir con isto, é que o meu obxectivo é o mesmo campionato tras campionato. Eu sempre apunto ao máis alto. Xa non me vale con só "facelo ben". É certo que ás veces se consegue e outras non, pero son consciente diso e aceptarei tanto a vitoria coma a derrota pero o meu obxectivo é claro: O ouro”. 

As rivais máis duras neste Mundial son a sueca Elin Johnson, Anastasia Baryshnikova de Rusia, Habi Nyarede (Francia) e Chia Chia de Taipei. A caldense ten claro que este é o principal reto da tempada: “Dende logo! Aínda que este ano temos moitas ocasións de puntuar en grandes eventos como os Xogos Europeos para o mes, a Universiada para o seguinte e tres Grand Prix, este é o que máis vale: 120 puntos!”.