00:01 h. sábado, 20 de abril de 2024

Galicia, primeira por equipos no I Open Internacional de Aragón de Taekwondo

Stadio Sport  |  18 de enero de 2015 (00:58 h.)
SELECCION GALEGA OPEN ARAGON

A Federación Galega logrou un total de 22 medallas (9 ouros, 6 pratas e 7 bronces)

 

A Federación Galega de Taekwondo logrou a primeira posición na clasificación por equipos do I Open Internacional de Aragón, que se celebrou hoxe en Zaragoza coa participación de 500 deportistas das categorías cadete, júnior e sénior. En total os nosos deportistas acadaron 22 medallas (9 ouros, 6 pratas e 7 bronces). 

Categoría sénior. A selección galega sénior sumou un total de cinco medallas (dous ouros, dúas pratas e un bronce) no Open de Aragón. En máis 80 quilogramos houbo final galega. Pablo Fernández (Mat´s) acadou o título ao gañar nun apertado combate a José Real (Natural Sport Ribeira), co cal dous galegos ocuparon as primeiras posicións neste peso. Ademais, Tania Gándara (+67 quilogramos, Lúar) logrou a medalla de ouro ao superar na final á representante de Valencia por 8-6. 

Pola súa banda, Iván García (-80, Mat´s) foi prata, tras caer na final fronte ao valenciano Rubén Martínez por 9-4. E a colleita galega remata co bronce de Marta Iglesias (-57, Patiño), que perdeu na semifinal contra Cataluña. 

 

 

Categoría júnior. Un total de oito medallas (tres ouros, dúas pratas e tres bronces) para a selección galega júnior desprazada a Zaragoza. Os ouros foron para Ainhoa Boubeta (+63, Patiño) –que logra a primeira posición tras gañar a Valencia na final-; Adrián Pombo (-73, Natural), quen se coloca no máis alto do podio tras vencer a Madrid con rotundidade (7-1) e Sabela García (-55, Patiño) que gaña na final a Lidia Fernández (Madrid). As medallas de prata foron para Mario Brenlla (-55, Maniotas), que perde na final contra o taekwondista de Madrid, e Anxo Fernández (+73, Arte e Movemento). E os bronces foron para: Alberto Verea (-48, Maniotas), que cae ante Madrid na semifinal; Rubén Troitiño (-73, Mat´s), que cae ante Madrid e Abel Seoane (-63, Natural), derrotado co representante de Valencia. 

Categoría cadete. A Federación Galega de Taekwondo acadou un total de 4 ouros, 2 pratas e 3 bronces na categoría cadete do Open de Aragón. 

No peso -55 feminino houbo tres medallas galegas. O ouro foi para Arlet Ortiz (Mat´s) que chegou a final tras eliminar en semifinais a Uxía Rodríguez (MDK) por 7-1 e acadou a medalla de bronce. Na loita polo ouro tiñan que enfrontarse Arlet e Aitana Santomé (Patiño Moaña), que foi prata, pero non puido celebrarse o combate por lesión desta última. Ademais, en -41 quilogramos Alma Pérez (Suh Sport) logrou outra medalla de ouro, tras superar na final á representante de Madrid nun emocionante combate que se decidiu no punto de ouro a favor da galega. A segunda prata galega foi para Alba Vidal (+55, Kido), que caeu no último combate fronte a Madrid (4-0). 

En chicos houbo dous ouros e dous bronces. En menos 53 quilogramos, Iván Rodríguez (Taekanart) logrou a primeira posición tras eliminar na final a Madrid (6-2). Pola súa banda, Unai Silva (-61, Mace Sport) acadou o ouro tras gañar a Murcia (1-0). Ademais os bronces foron para Diego Pérez (Maniotas) -que caeu en semifinais contra Marruecos- e Xián Rodríguez (-41, Taekanart), que quedou eliminado fronte a Castela e León (4-1).

Hemeroteca