13:41 h. Miércoles, 19 de Junio de 2019

Cebreiro García campión galego de Compak Sporting

XVI Campionato Galego de Compak Sporting

Stadio Sport  |  08 de Junio de 2015 (16:28 h.)
Más acciones:

 

Nun campionato moi disputado o tirador Daniel Cebreiro García acadou este pasado domingo o Campionato Galego de Compak ao manter un intenso pulso co vixente campión galego Antonio Iglesias Otero arrebatándolle o título autonómico en Río Sar.

Baixo a organización da Federación Galega de Caza e a colaboración da Sociedade Deportiva Río Sar, arrincaba esta décimo sexta edición da fase final do autonómico de Compak Sporting disputada a 150 pratos.

Pratos estes moi complexos voados en 3 campos a dúas voltas con esquemas diferentes que puxeron en apertos ás mellores escopetas galegas citadas onte en Río Sar.

Mostra da dificultade e variedade que había nos diferentes campos queda reflectido nos resultados acadados polos tiradores dos primeiros postos da clasificación xeral os cales eran capaces de facer 23 e 24 pratos nun campo e pasar a 17 ou 19 noutro.

 

 

Foi o xoven tirador coruñés Daniel Cebreiro García o que se facía co Campionato Galego ao acadar un total de 130 pratos. Unha vitoria moi pelexada co vixente campión Antonio Iglesias Otero que se tiña que conformar coa medalla de prata ao rematar a tan so un prato, 129, de Cebreiro. Foi o pontevedrés Martín Baqueiro Villafines o que remataba en terceira posición con 125 pratos escachados.

En veteranos o campión era Elisardo Cea Cebreiro con 112 pratos por diante de José Rodríguez Cameselle con 109 pratos en segunda posición. Antonio Castro Ferreiro completaba o podio en terceira posición con 106 pratos.

Artemio Formoso en handisport, Ángel Mosquera en superveteranos, Alejandro Fernández Seco en xuvenís e Mercedes Saavedra en donas completaban o elenco de campións deste XVI Campionato Galego de Compak Sporting.

A selección galega quedaba composta polos seguintes tiradores: Daniel Cebreiro, Antonio Iglesias, Martín Baqueiro, Artemio Formoso e Elisardo Cea.