00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

O Campus Ourense Coosur dá a sorpresa e cóase na final polo título

Duvi | Ourense  |  10 de marzo de 2015 (02:21 h.)
coosur rugby

Enfrontarase ao Muralla RC na loita polo liderado da Primeira División galega de rugby. Fin de semana desigual en baloncesto, con vitoria do equipo feminino e derrota do masculino

 

Non eran os favoritos pero conseguiron botar por terra todas as quinielas. O Campus Ourense Coosur de rugby conseguiu clasificarse para xogar a final dos play-off polo título da Primeira División galega tras derrotar a domicilio nas semifinais a Os Ingleses de Vilargarcía, subcampións da fase regular. Un partido que rematou cun 15-24 no marcador a favor dos xogadores de David Monreal, que souberon aproveitar os gravísimos erros defensivos do equipo arousán. O bo traballo defensivo que levaron a cabo e a eficacia para transformar as súas ocasións en puntos foron as mellores bazas do combinado ourensán nun partido no que o equipo de casa cometeu unha gran equivocación técnica ao desbotar as opcións que se lle presentaron para tirar a palos.

Agora os de Monreal mediranse esta fin de semana o outro equipo finalista, o Muralla RC, que cun axustado 19 a 20 no marcador tamén deu a sorpresa ao saír airoso do campo do dominador da fase regular, o CR Ferrol. Os ourensáns enfrontaranse aos lucenses nun partido que suporá unha loita encarnizada por facerse co título autonómico e coa vista posta xa no ascenso á liga nacional. 

Pola súa banda, o equipo feminino de rugby xogarase esta fin de semana tamén ante o Muralla RC de Lugo a semifinal da fase de ascenso, tras quedar na segunda posición a cinco puntos do líder, o Blusens Universidade de Vigo. As rapazas de Julio Lamana enfrontaranse aos lucenses en casa, mentres que o equipo universitario vigués o fará ante o CR Coreti.

 

O feminino de baloncesto, intratable

A fin de semana rematou con sorte desigual para os equipos de baloncesto do campus de Ourense. As rapazas do Universitario amosáronse intratables no seu regreso ás canchas tras case un mes de parón e derrotaron ao CB Burela por un 67 a 61 no marcador que mantén ao club na loita polo ascenso. Así, as de Gonzalo González, sitúanse terceiras con 19 puntos empatadas co segundo clasificado, o C. Pío XII-Fedesa, e a tan só dous tantos do líder, o Universitario de Ferrol. Este sábado 14 de marzo mediranse na casa ao Arxil Mafari Café (16.00 horas).

Os rapaces adestrados por Rubén Cortón manteñen a súa racha de derrotas tras perder na casa ante o Vigo Basket por un axustado 51 a 54 nun partido que tiveron de cara no segundo cuarto e que non souberon rematar. O Universitario Campus Ourense masculino sitúase así na oitava posición da táboa cun partido menos tras a suspensión a semana pasada do encontro ante o CB Culleredo por humidade. Agora, o equipo espera ao partido deste sábado 14 de marzo a domicilio ante o Mimela EDM A Estrada (18.00 horas) para conseguir reconducir a situación.

 

Xornada de loito

A ledicia por conseguir coarse na final do Campus Ourense Coosur durou apenas unhas horas, xa que este luns falecía un dos membros da gran familia do rugby ourensán. Sumi Cortés, xogador de elite retirado e agora axudante nos adestramentos do primeiro equipo, morría aos 42 anos dun infarto ao corazón horas despois de que estivera co equipo festexando a vitoria ante Os Ingleses en Ribadavia, onde traballaba. Unha persoa “moi coñecida e querida por todo o mundo” que deixa un importante oco no Campus Ourense, que quixo trasladarlle todo o seu apoio á familia do deportista.

Hemeroteca