01:55 h. Miércoles, 26 de Junio de 2019

O Campus Ourense Coosur aos play-off polo título

Os de David Monreal aseguraron a terceira posición a falta dunha xornada para o remate da fase regular. Pola súa banda, o equipo de baloncesto masculino perdeu pola mínima ante o Estudiantes Lugo

Duvi | Ourense  |  23 de Febrero de 2015 (22:20 h.)
Más acciones:

 

Na competición da primeira rexional galega masculina de rugby só había unha cousa decidida: o terceiro posto da clasificación, en posesión do Campus Ourense Coosur. Os de David Monreal xogaron esta fin de semana o seu último partido da fase regular alleos ao que ocorrera no resto dos campos, xa que partían coa garantía de xogar os play-off polo título nas vindeiras xornadas ao acabar nun terceiro posto que nin Mareantes nin Muralla poderían arrebatarlles no mellor dos escenarios. Quizais un exceso de tranquilidade que levou ao equipo masculino de rugby do campus a empatar a 17 puntos ante o Pontevedra RC, que quedou condenado aos postos de descenso xunto a outro equipo da Universidade de Vigo, o Blusens B. 

Os de Monreal esperan agora a chegada da vindeira xornada dentro de dúas semanas. A fin de semana do 7 e 8 de marzo o equipo do campus ourensán disputarase as semifinais contra Os Ingleses RC de Vilagarcía, mentres que o CR Ferrol se medirá ao Muralla RC lucense. De aí sairán os dous gañadores que se disputarán a final polo título de liga. 

Pola súa banda, as rapazas do Campus Ourense Coosur derrotaron esta fin de semana por un contundente 0 a 22 no marcador ao Muralla RC nun partido no que as lucenses adestradas por Miguel Anxo García contaban con poucas posibilidades de vitoria diante do equipo de Javier Lamana, imparable en plena loita polo ascenso á liga nacional. A vindeira xornada, descanso para o equipo, que estará pendente do que pase no Mareantes RC-Universidade de Vigo RC para ver como queda o calendario de semifinais no que teñen asegurado un oco, xa que están empatados a 15 puntos co equipo vigués aínda que cun partido máis e o terceiro clasificado, o RC Coreti Lalín, está nove puntos de distancia.

 

Mortos de ansiedade

 

O Universitario Campus Ourense non puido acabar a xornada con vitoria. Os xogadores adestrados por Rubén Cortón na Primeira autonómica perdeu ante o Estudiantes Lugo Leyma Natura por un axustado 32 a 39 nun encontro no que os ourensáns traballaron ben pero non conseguiron controlar a súa ansiedade por conseguir facerse co partido. Os universitarios estiveron por diante no marcador no primeiro cuarto, pero non foron capaces de superar a zona lucense na segunda metade e encadearon a segunda derrota consecutiva. Así os de Cortón quedan no quinto posto da clasificación a 23 puntos empatados con Sigaltec e Baloncesto Cambre e a catro puntos do líder, o COB. A vindeira xornada o Universitario Campus Ourense medirase ao CB Culleredo nun partido a domicilio (28 febreiro ás 20.00 horas).