14:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Unha boa temporada á que só lle faltou o ascenso

Duvi | Vigo  |  10 de junio de 2015 (02:07 h.)

Os equipos universitarios finalizaron o Campionato Galego de Tenis. Mantiveron a permanencia nas súas respectivas categorías

 

Malia que comezaron con bo pé a súa andaina no Campionato Galego de Tenis, os equipos universitarios non puideron acadar o obxectivo máximo do ascenso, pero si o principal de manter a permanencia nas súas actuais categorías e de chegar con opcións ata o final do campionato. O equipo feminino, que milita na primeira división, obtivo un 7º posto na clasificación xeral tras derrotar ao Tenis Foz. Pola súa banda, os dous equipos masculinos A e B, que xogan respectivamente en primeira e segunda división, chegaron a  disputar a fase de ascenso. O Universidade de Vigo A quedou ás portas de subir de categoría tras caer en cuartos de final ante o equipo local A’ Tobeira e rematou no 5º posto, mentres que o B xogou os oitavos de final e quedou en 9ª posición.

 

Os retos e as dificultades da temporada

“Aínda que non acadamos o obxectivo máximo do ascenso, si estamos moi contentos por superar todas as dificultades, competir e acadar a permanencia”, explica o adestrador, Jorge Comesaña. Entre as dificultades coas que se atoparon durante este curso, Comesaña salienta a coincidencia dos partidos máis importantes coa época de exames e de presentación de traballos finais, “este feito fixo que perdésemos varios xogadores en encontros clave da temporada" e engade que  “as malas condicións climáticas non nos permitiron adestrar todo o que nos gustaría”. Os equipos de tenis da Universidade están formados tanto por docentes e persoal de administración e servizos como por estudantes, un feito que dificulta a conciliación da vida académica e laboral cos adestramentos. 

 

Compromiso e esforzo, os ingredientes para acadar o ascenso

Comesaña salienta como elementos moi positivos deste curso “o esforzo e o compromiso dos xogadores e xogadoras con este deporte que deben harmonizar coas súas obrigas académicas e laborais, a súa dispoñibilidade para adestrarse e o seu sacrificio por competir e defender o nome da Universidade”. O adestrador tamén pon en valor a axuda imprescindible do Servizo de Deportes, “en todo momento atentos ás nosas necesidades, proporcionándonos todas as comodidades”. Por iso, de cara a próxima temporada, confía en que se manteñen todos estes elementos positivos, “volveremos a competir seguro que tan ben como este ano, recuperaremos a xogadores moi importantes como Iago González, que este ano estivo fóra estudando, e penso que seremos quen de conformar un equipo con xogadores suficientes para manternos e ascender.” O tenis volverá ao campus despois do verán da mán do equipo de veteranos que iniciará o seu campionato en setembro.

Hemeroteca