00:01 h. jueves, 25 de abril de 2024

O Blusens Universidade de Vigo gañou ao Campus de Ourense Coosur nas semifinais da Copa Xunta

Stadio Sport  |  11 de mayo de 2015 (19:31 h.)

O conxunto de Alberto Mera xogará a final contra o CRAT coruñés

Cando dous equipos da “casa” se encontran nas semifinais dunha competición tanto a vitoria como a derrota se celebran de xeito diferente pois ao final quen perde e quen gaña son compañeiros. Isto é o que aconteceu este sábado nas instalacións de rugby do campus de Ourense, onde o Campus Ourense Coosur se enfrontou ao Blusens Universidade de Vigo por un posto na final da Copa Xunta de Rugby. Finalmente os vigueses impuxéronse por 25 a 64 nunha semifinal na que primou o bo xogo e o espectáculo deportivo.


“O partido ante o flamante campión de liga rexional e dirixido por David Monreal foi moi aberto, con moitas posibilidades para ambos conxuntos, como o demostra o resultado”, comentan desde o Blusens Universidade de Vigo. Segundo explican desde o Campus Ourense Coosur, “foi unha tarde de calor na cidade das burgas onde o equipo adestrado por David Monreal deixouno todo no campo ante o equipo de Vigo, de División de Honra, ao que conseguíu meter catro ensaios (moitos equipos de División de Honra non o conseguiron) e sobre o que se adiantou nada máis comezar o partido, algo que sería un espellismo xa que ao final o marcador reflectiu un definitivo 24 a 65 para os homes de Alberto Mera”. Este resultado, indican, non empaña unha tempada marcada por conseguir ser campións de Liga da Primeira División do Rugby Galego e un digno semifinalista desta Copa Xunta.

As finais da Copa Xunta serán organizadas polo Vigo Rugby Club e disputaranse no campus de Vigo (CUVI) o sábado 16 de maio. Ao longo de toda a xornada xogaranse cinco finais das categorías sub 14, sub 16, sub 18, sénior feminino e sénior masculino. O club vigués clasificou a catro equipos, como son o sub 14, o sub 16 (que venceu o sábado ao último campión de liga, o CRAT, por 41 a 14), o Blusens Universidade e o sénior feminino, que o domingo gañou 10-41 ao Muralla de Lugo. O sub 18 caeu en semifinais.

Unha vez remata a súa participación na Copa Xunta, os equipos ourensáns de rugby prepáranse para disputar os diferentes torneos de rugby praia e sevens que se celebrarán durante os meses de xuño, xullo e agosto.

Hemeroteca