00:09 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Balonmán: A expedición galega chegou a Almería con gañas de comezar a competir na pista

Stadio Sport  |  02 de enero de 2016 (22:18 h.)
cf e im (2)

As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas comezarán mañá a súa competición nos campionatos de España de seleccións territoriais destas categorías, que se van a disputar en Almería entre os días 3 e 8 de xaneiro.   

A expedición galega, formada por 120 persoas, chegou hoxe a Almería preto das dúas da tarde sen incidencias. O aspecto negativo é que a selección infantil feminina ten a seis rapazas enfermas con resfriado. Así, á chegada a Almería algún equipo optou por descansar (como a infantil feminina), mentres que outros coma o cadete masculino optou por dar un paseo polas praias de Roquetas para desentumecer as pernas despois de 16 horas de viaxe. Pero pola tarde, todas se animaron a dar un paseo polos arredores. 

A competición  -que poderá ser seguida a través de youtube- comezará mañá día 3 e as seleccións galegas terán o seguinte calendario: 

Infantil feminino. Galicia, dirixida por Carla Abad, está incluída no grupo A xunto a Cataluña, Aragón e Castela e León. O primeiro partido celebrarase mañá día 3 contra Cataluña (11:15 horas). As mini-galaicas acadaron o título o pasado ano, pero é un equipo completamente renovado.

cf e im 

Infantil masculino. O equipo galego, con Pablo Blanco coma adestrador,  conforma o grupo A xunto a Andalucía, Canarias e Euskadi. Galicia debutará no torneo fronte á anfitrioa, Andalucía (11:15 horas). 

Cadete feminino. Alejandro Ocampo é a seleccionadora do equipo cadete feminino que debutará mañá día 3 de xaneiro contra Andalucía (13:00 horas). Forma parte do Grupo A xunto a Andalucía, Valencia e Asturias.  

Cadete masculino. O equipo galego enfrontarase a Andalucía, Aragón e Cataluña no grupo B. O primeiro partido será contra Andalucía o día 3 (13:00 horas).  O adestrador cadete masculino é Sergio Carballeira. 

Xuvenil feminino. A selección xuvenil feminina, dirixida por Javier Luengo, terá un complicado grupo (B), xa que se enfrontará a Cataluña, Valencia e Andalucía. Debutarán mañá (13:00 horas) contra Cataluña. 

Xuvenil masculino. Galicia forma parte do Grupo B xunto a Cataluña, Andalucía e Asturias. O primeiro partido será mañá contra Cataluña (13:00 horas). Adestrador: Ismael Martínez  

Declaracións dos seleccionadores infantís: 

cm

PABLO BLANCO (seleccionador infantil masculino) 

- Como foi o período de preparación?

- Desde as primeiras sesións de adestramento celebradas en xuño para preparar o torneo de Cangas do Narcea, o equipo traballou moito para conxuntar as calidades dos distintos xogadores. A evolución foi enorme desde entón e esperamos que isto se reflicta no Campionato de España. 

- Con que obxectivos afronta o campionato?

- As seleccións infantís non temos referencias de campionatos anteriores desta xeración polo que resulta moi complicado establecer un obxectivo clasificatorio. O que se transmitiu aos xogadores é que o obxectivo é competir e que sexa a propia competición a que nos poña teito. Si hai rivais mellores que nos gañan, que nos gañen, pero competir de tal forma que nos permita volver satisfeitos co traballo realizado. 

- Que destacaría do seu equipo?

- Temos un equipo moi completo con xogadores de diferentes características en todos os postos e cunha potencia ofensiva enorme. Temos xogadores grandes con capacidade de lanzamento exterior e xogadores máis pequenos con máis mobilidade que van ben no un contra un. Se somos capaces de conxuntar todas as nosas calidades, seremos un equipo moi difícil de gañar. Temos argumentos para plantarlle cara a calquera equipo si facemos as cousas ben. 

- Que equipos ve como favoritos no campionato?

- En infantís é complicado sinalar favoritos. Cóntase tradicionalmente con que Cataluña será o equipo forte. Con respecto ao resto vexo moi ben a Asturias. Un equipo completo que pode aspirar a todo e por suposto, a anfitrioa Andalucía, que sempre demostra un gran nivel e ademais xoga en casa. 

 CARLA ABAD (seleccionadora infantil feminino) 

- Como foi o período de preparación?

- Con traballo, intensidade e actitude, a evolución do equipo foi notable pasando dun traballo individual inicial a un traballo colectivo final.  O torneo do Salnés marcou un punto de inflexión na nosa selección neste aspecto, onde se empezaron a notar as primeiras pinceladas dun bo grupo en todos os sentidos. 

- Cales son os obxectivos no Campionato de España?

- É complicado establecer un obxectivo concreto nesta categoría en canto a resultados, debido ao descoñecemento do nivel das diversas seleccións. Os obxectivos propostos polo corpo técnico para a selección infantil feminina son máis xenéricos, dándolle gran importancia a fortalecer unha base para futuras convocatorias en categorías superiores. 

- Que destacaría do seu equipo?

- O máis importante que demostrou o equipo é a capacidade de crecerse ante resultados desfavorables, xa que en varios encontros estiveron perdendo e conseguiron darlle a volta ao marcador. 

- Que equipos ve como favoritos no Campionato? 

- É difícil predicir sen ter as suficientes referencias sobre os nosos rivais pero creemos que a selección madrileña pode ser unha das seleccións máis fortes do campionato.  

cm (1)

Hemeroteca