00:10 h. jueves, 18 de abril de 2024

A Xustiza sentencia que a Deputación de Ourense non reintegre euro algún no 'Caso depuradoras'

Stadio Sport  |  03 de octubre de 2015 (18:54 h.)

O alto tribunal estima o recurso presentado polo goberno provincial diante do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid en contra da petición do Ministerio de Facenda, que reclamaba á Deputación a devolución dos fondos europeos destinados aos proxectos Daredo e Deputrans

 

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSXM) ven de ditar sentencia dando a razón á Deputación de Ourense no asunto coñecido como "caso depuradoras", relativo aos proxectos Daredo e Deputráns, pertencentes ao Programa de Iniciativa Comunitaria Interreg III. O alto tribunal, na súa resolución con data do pasado 30 de setembro, estima o recurso do goberno provincial contra a resolución do Ministerio de Facenda que reclamaba á deputación a devolución dos fondos europeos destinados a este proxectos, segundo ditaminara a OLAF, en total 10.123.053,03 euros.

Desta maneira, a Xustiza sentencia que a Deputación de Ourense non terá que reintegrar euro algún e anúlase a resolución da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda de data 30 de xuño de 2014, "por entender que prescribiu a acción de reintegro que deu lugar á resolución que se impugna". Asemade, o TSXM ditamina que non procede facer declaración de costas.

Neste senso, o alto tribunal estima a alegación formal de prescrición e non entra en cuestións de fondo, perfectamente argumentadas polos servizos xurídicos da Deputación de Ourense, que desmontaban unha a unha as cuestións esgrimidas pola OLAF no seu informe.

A sentencia conclúe: "Dado que a acción de reintegro prescribira ao transcorrer catro anos desde que se pechou o proxecto, que neste caso sería o 30 de xuño de 2006 e 30 de xuño de 2007 para cada proxecto, cabe concluír que as actuacións de investigación iniciadas en outubro de 2011 que deron lugar ao inicio do procedemento de reintegro acordado en data 6 de setembro de 2013 estarían fóra do prazo establecido de catro anos que finalizara antes incluso do comezo da investigación".

Finalmente sinala a resolución xudicial do TSXM que a estimación desta alegación "impide examinar o resto de motivos alegados posto que se considera prescrita a acción para o reintegro da cantidade subvencionada. E todo elo conduce a estimar o recurso e a anular a resolución impugnada".

Hemeroteca